O Concello de Trives emitirá os plenos en directo a través de Facebook

A sesión do xoves poderá ser seguida a través da rede social.
Publicado por o día 28/11/2017 na sección de Galicia,Trives

O xoves hai pleno ordinario en Trives e a sesión poderá ser seguida en directo a través de Facebook.

Será esta a primeira vez na que se utilice a rede social para retransmitir a sesión plenaria, nunha iniciativa que o goberno municipal pretende manter no tempo. “Queremos utilizar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para achegar os plenos aos veciños”, di o alcalde, Francisco José Fernández. Sen esquecer que as sesións son abertas á cidadanía, o rexedor di ser consciente de que non sempre a veciñanza pode achegarse, ben pola hora ou porque se esquece ou porque non pode desprazarse ata o consistorio. Desta maneira, ábrese un abano grande de posibilidades, posto que as persoas interesadas non só poderán seguir a sesión en directo, senón que despois quedará colgada no Facebook do Concello (https://www.facebook.com/concellodapobradetrives/) e tamén se enlazará á web municipal (http://www.apobradetrives.es/). “Funcionará a modo de hemeroteca, para que calquera persoa poida consultar o que se falou nos plenos, e escoitarao directamente da boca das persoas que interveñan”, engade Fernández.

Sen custe

O Concello de Trives optou pola opción de Facebook Live para emitir en directo os plenos por ter custe cero. “Para un concello pequeno como o noso, a opción de instalar un sistema de gravación resultaba gravoso. Agora as novas tecnoloxías permítennos ofrecer o servizo, porque dar información aos veciños das cousas que lle afectan é para nós un servizo, e un servizo importante; aproveitando a wifi municipal e sen custes engadidos”, resalta Fernández.