O Concello de Tui asina o luns un convenio de colaboración cultural con ABANCA e Afundación

Por o 20/01/2018 | Sección: Galicia,Tui
O Concello de Tui asina o luns un convenio de colaboración cultural con ABANCA e Afundación
Compartir en:

O próximo luns, 22 de xaneiro, ás 9h na casa do concello de Tui terá lugar a sinatura dun convenio de colaboración cultural entre o Concello Tui, ABANCA, e Afundación mediante o que as tres entidades desenvolverán a exposición «Auga, o sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel.

Asinarán o convenio o alcalde, Carlos Vázquez Padín; a directora de Oficina de ABANCA de Tui, Uxía Arranz Costas; e a Coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores. Tamén estará presente o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Freiría.

A exposición «Auga, o sangue da terra», que se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal de Tui do 1 ao 22 de febreiro, realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presencia ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás cidades e vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.