O Concello valida por 2,8 millóns a “gran transformación” do parque Camilo José Cela, cun ascensor e parque infantil

O alcalde deu conta da aprobación dun novo proxecto do Vigo Vertical por importe de 2,8 millóns, en verbas de Caballero, “unha das grandes transformacións da cidade” que suporá a renovación do parque Camilo José Cela, cun ascensor que una Torrecedeira con Pi y Margall e unha nova área de xogo infantil.
Publicado por o día 05/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Abel Caballero anunciou este xoves a aprobación do proxecto de implantación das políticas de desenvolvemento urbano sostible -Vigo Vertical- na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Torrecedeira e Pi y Margall, cun montante de 2,8 millóns de euros para “unha das grandes transformacións da cidade”.

O goberno de Vigo, explicou o rexedor, proxecta unha reformulación completa do parque Camilo José Cela, que inclúe un ascensor que conectará Torrecedeira con Pi y Margall, onde xa funciona o elevador que une esta coa Avenida das Camelias. O novo ascensor do parque -que presentará un “criterio arquitectónico excepcional”- estará dotado de cámaras de seguridade e estará emprazado na parte máis próxima a Juan XXIII, explicou Caballero.

Ademais do elevador, a actuación municipal contempla a renovación dos pavimentos e a redistribución dos espazos e dos servizos do parque. Caballero avanzou que se remodelará a parte alta do parque (á cota de Pi y Margall) e se creará un área de xogo para os máis pequenos, “un macro parque infantil”.

O Concello contempla unha redistribución dos existentes e a prantación de novas árbores e novas zonas verdes, xunto á execución dun colector de pluviais para conectar a rede separativa de Pi y Margall e Torredeira, un novo sistema de drenaxe, un novo colector de saneamento, novas redes de rego e alumeado, e novo mobiliario urbano.

García Lorca e Purificación Saavedra
En rolda de prensa, Caballero informou doutras dúas humanizacións que pasaron pola Xunta de Goberno Local da mañá deste xoves: ás de García Lorca e Purificación Saavedra.

O executivo vigués deu luz verde á clasificación de ofertas (antiga adxudicación provisional) para a remodelación de García Lorca, unha “gran humanización” que conleva un orzamento de 1.460.000 euros para o treito que comprende entre as rúas Darío Durán e a Avenida da Florida. Detallou Caballero que o Concello cambiará no nomeado vial todos os firmes, renovará o abastecemento, o saneamento e a rede de pluviais, a iluminación, instalará nova sinalización horizontal e vertical, novo mobiliario urbano, bancos, zonas axardinadas, sistema de rego e suprimirá as barreiras arquitectónicas.

En segundo lugar, o alcalde informou da aprobación do proxecto básico e de execución da primeira fase da humanización da rúa Purificación Saavedra, que presenta un orzamento de licitación de 306.000 euros. Entre Sanjurjo Badía e Enrique Lorenzo, a reforma suporá novos firmes, novo abastecemento e saneamento, iluminación, novo mobiliario urbano, xardineiras, sistema de rego e o soterramento do cableado existente.