Concello, veciños, párroco e comisión de festas unidos ante a igrexa

Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

Concello, veciños, párroco e comisión de festas unidos ante a igrexa

O Concello de Ribadumia informa que despois da reunión mantida a finais de agosto cos veciños da Parroquia de Sisán sobre as obras do cemiterio, volveu relucir a necesidade de tratar o tema da finca que a día de hoxe se emprega de aparcamento e que está situada enfronte da propia igrexa.

É esta unha inquietude de todos os veciños ante a posibilidade de que a Igrexa decida destinar este terreo a outros fins e os veciños da Parroquia se queden sen aparcamento cando van a calquera celebración litúrxica.

Deste xeito despois deste tempo, tanto os veciños, como a Comisión de Festas, Comisión Parroquial ou o propio párroco de Sisán traballaron en conxunto para recoller 363 firmas, polo que lles trasladamos o noso agradecemento.

363 firmas que foron levadas a Santiago para entregar nunha recente reunión co Vicario, facéndolle chegar a este a petición dos veciños de Sisán e do Concello de Ribadumia, tratando de manter en todo caso a situación actual ou se cabe a mellora da zona pero mantendo o uso do terreo en beneficio de todos os veciños da Parroquia.