O Concello xa encargou a reposición das pezas da malla de Río defectuosas e estuda o modo de substituílas

As esferas que resultaron defectuosas na malla da cuberta de Río serán substituídas tan pronto como sexa posible, unha vez que a empresa recibiu a orde para fabricalas de novo. Nestes momentos, os técnicos estudan a fórmula idónea para repoñelas de forma que a grada estea operativa o antes posible con todas as garantías.
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello xa encargou a reposición das pezas da malla de Río defectuosas e estuda o modo de substituílas

O alcalde avanzou esta mañá que xa están encargadas as pezas da malla da cuberta de Río que resultaron defectuosas ao tempo que se está a estudar a mellor fórmula de substituílas. O lóxico, dixo, é que haxa que proceder á baixada dos outros dous módulos e medio para traballar con máis comodidade no chan pero serán os técnicos os que tomen a decisión final. Segundo detallou, podemos estar a falar dun máximo de 282 esferas defectuosas -as que construíu unha mesma empresa- e xa se está a falar con AIMEN (Centro de Innovación e Tecnoloxía altamente especializado no campo dos materiais e as tecnoloxías de fabricación avanzada) para facer ensaios por riba da norma e, por tanto, reforzar a seguridade. O obxectivo, insistiu o rexedor, é traballar coa máxima celeridade para que a grada estea operativa o antes posible con todas as garantías.

Segundo avanzou o rexedor, a empresa responsable desta fabricación responderá do custo da reposición e dos eventuais traballos que sexa preciso realizar para recuperar a normalidade. Amais, tamén se lle repercutirá o gasto da devolución das entradas, un custo que en primeira instancia terá que abonar o clube de fútbol e que, a continuación, asumirá o Concello para repercutilo finalmente á empresa responsable do fallo.