Concentración diante do Parlamento para pedir o desbloqueo do convenio de seguridade privada

CCOO, UGT e USO denuncian que, tras meses de negociación, a patronal persiste en desvalorizar as condicións de traballo
Por o 25/10/2017 | Sección: CC.OO,Protestas,Sindicatos,UGT
Concentración diante do Parlamento para pedir o desbloqueo do convenio de seguridade privada
Compartir en:

CCOO, UGT e USO convocaron para hoxe martes, día 24 de outubro, unha concentración do persoal de seguridade privada para esixir o desbloqueo das negociacións do convenio. A protesta tivo lugar de 11 a 12:30 h diante do Parlamento de Galicia.

 Os sindicatos denuncian que, tras meses de negociacións, a patronal segue a defender unha postura de desvalorización das condicións de traballo para os vixilantes de seguridade: modificación da cobertura das incapacidades temporais, conxelación da antigüidade, cambios substanciais nos dereitos vinculados ao transporte de fondos e «paupérrimo» incremento salarial.

No aspecto salarial, as tres organizacións piden que os incrementos sexan «razoables» e que, ademais, se establezan cláusulas de revisión para garantir o poder adquisitivo.

Así mesmo, solicitan que se establezan criterios «axeitados» sobre os permisos retribuídos, abordar cun debate «suficiente» a xubilación anticipada, salvagardar a subrogación en situación de prexubilación, abordar a empregabilidade ante a implantación de novas tecnoloxías no sector e manter a negociación aberta para incorporar posibles acordos a que se chegue na negociación estatal co Ministerio de Fomento.