A CIG realizou unha concentración esta mañá diante das instalacións da empresa de ambulancias Salutrans (no Polígono Industrial das Gándaras en Lugo), en resposta ao despedimento inxusto dun traballador. Para a central sindical esta actuación empresarial constitúe un claro atentado aos dereitos laborais e sindicais do persoal, polo que na concentración se solicitou a inmediata readmisión do traballador.
Sanitaria Lucense de Transportes SL, adxudicataria do servizo de transporte sanitario hospitalario e programado nos hospitais de Lugo e de Monforte de Lemos, despediu a finais do mes de xaneiro un traballador alegando feitos falsos, “o que claramente deixa ver que se trata dun despedimento totalmente inxustificado”.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, enmarca este feito no nos reiterados problemas que poñen as empresas do sector para garantir o cumprimento do convenio galego de ambulancias. “A pesar de que as empresas do transporte sanitario urxente e programado deberían asimilar o 100% do convenio colectivo de sector, atopámonos con continuos incumprimentos en materia de dereitos laborais e de seguridade na actividade cotiá deste persoal, ao que lle hai que engadir este tipo de actuacións empresariais, executando despedimentos inxustificados”, denuncia.
Amortizar postos de traballo
A CIG entende que con este tipo de medidas, o que están facendo as empresas do sector é asumir os baixos importes cos que a Xunta dota os contratos deste servizo público (situación que non se pode desligar das ofertas á baixa coas que concorreron no anterior concurso as compañías) amortizando postos de traballo. Algo que, advirte, López, se dá “nun escenario actual de precariedade e que claramente terá a súa repercusión directa no servizo que se presta á cidadanía”.
Precisamente, hai uns meses, a CIG denunciaba outros despedimentos inxusto e en represalia doutros compañeiros do servizo urxente en Sarria “que concluíron con importantes indemnizacións económicas”. A estas actuacións temerarias da empresarias súmaselle outro tipo de incumprimentos dos pregos dos contratos, como as deficiencias das ambulancias nos seus accesos, que non se garante a limpeza e desinfección da uniformidade, etc.
De non producirse a readmisión do traballador, a loita contra o seu despedimento continuará tamén pola vía xudicial.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.