Concentración pola permanencia do peche de camas en Pontevedra

Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Prosagal,SAGAP,Sanidad,Sindicatos

Concentración pola permanencia do peche de camas en Pontevedra

Desde PROSAGAP, queremos insistir no noso enfado e indignación ante a permanencia deste peche de camas que para nós é inxustificado mentres haxa listas de agarda.

Máis un ano concentrámonos para lle dicir a esta Xerencia e a concellaría de sanidade, que non pode xogar cos traballadores e traballadoras á súa vontade. Os profesionais queremos traballar nas nosas unidades, non queremos estar ao dispor do que se lles antolle á Dirección: “Ven hoxe e mañá queda na casa a cambio dos teus días”.

Porque todas e todos debemos esixir que respecten as nosas quendas de traballo e o noso labor profesional.

As traballadoras queremos traballar con seguridade nas nosas unidades, nas que consolidamos a nosa praza e podermos ofrecer así unha calidade asistencial digna aos nosos pacientes.

Porque hoxe somos traballadores e mañá todos e cada un de nós precisaremos unha cama coma pacientes.

Porque hoxe é traumatoloxía, neumoloxía, lactantes e medicina interna as pechadas e mañá será cirurxía, otorrino ou uroloxía, oncoloxía, neuroloxía, xine ou calquera outra.

Os pontevedreses e pontevedresas non queremos ter unha lista de agarda para nos podermos operar, queremos ter unha cama dispoñíbel para cando a necesitemos, non queremos ter que esperar nunha padiola por estar as unidades pechadas. Que sentido ten ampliar Montecelo se se están a pechar camas.

Porque os pontevedreses e pontevedresas nos merecemos unha cama nos nosos hospitais públicos, que pagamos e mantemos cos nosos impostos, para despois volver pagar o mesmo servizo ao nos derivaren á privada.

Porque decimos “NON” a que sigan desprazando pacientes aos hospitais privados mentres os nosos teñen camas pechadas.

Por todo isto, PROSAGAP convoca a todos os traballadores e traballadoras, aos pontevedreses e pontevedresas, a todos os sindicatos e a todos os partidos políticos a que se sumen á:

CONCENTRACIÓN O DÍA 26 DE SETEMBRO 2018

 

POLA APERTURA DAS CAMAS FECHADAS OU   INUTILIZADAS.

 

LUGAR: 11:00 horas, diante da porta principal de Montecelo.

Duración aproximada 20 minutos.