Concentracións nas sedes empresariais en defensa da negociación colectiva

CCOO e UGT denuncian que o crecemento económico non está a dar resposta ás necesidade da maioría da poboación
Publicado por o día 22/02/2017 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos,UGT,Vigo

Concentracións nas sedes empresariais en defensa da negociación colectiva

CCOO e UGT concentráronse esta mañá fronte ás sedes das patronais na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. As protestas repetiranse pola tarde en Santiago de Compostela fronte á CEG e en Pontevedra diante da Cámara de Comercio. Con esta acción, os sindicatos defenden a negociación colectiva e demandan que a recuperación económica «chegue dunha vez» ás familias, que seguen a sufrir perdas continuas do poder adquisitivo: pensións e salarios baixos, altas taxas de desemprego e precariedade, cada vez menor protección social…

No eido da negociación colectiva, no mes de febreiro aínda non está consensuado un díxito de incremento salarial que permita recuperar o poder de compra dos fogares. O IPC xa está no 3 %, mais a proposta das organizacións empresariais é dunha suba limitada ao 1,5 %. Isto suporía a perda de poder adquisitivo nun contexto de expansión da actividade e dos beneficios empresariais.

CCOO e UGT coidan «inaceptable» a situación e xa fixeron unha proposta inclúe subas de entre o 1,8 e o 3 % con cláusula de revisión salarial. Neste senso, ambos os dous sindicatos consideran urxente un acordo que garanta o poder de compra das familias.

No relativo ao desemprego, a súa redución é demasiado lenta e non se ataca unha das grandes eivas, o paro de longa duración, que en Galicia xa afecta a 119.000 persoas, o 58 % do total dos desempregados. Por iso, urxe un plan de emprego de choque con medidas específicas para os colectivos máis prexudicados, como as persoas paradas de longa duración e a mocidade. Neste senso, CCOO e UGT denuncian que cómpre dar unha resposta rápida ao paro xuvenil que xa atangue o 40 % da poboación activa galega menor de 25 anos.

A precariedade laboral aumenta, consolidando un modelo de crecemento insostible baseado no emprego de baixa calidade, inestable e pouco produtivo. De cada 100 contratos que se asinan, 91 son temporais e dos 9 indefinidos, só 5 son a tempo completo.

Neste contexto, a taxa de cobertura das prestacións por desemprego caeu 16 puntos nos sete últimos anos. Só perciben prestacións o 53 % das persoas en situación de desemprego.

Os pensionistas tamén son vítimas da perda continua de poder de compra e tampouco non se benefician en nada do suposto crecemento económico. O importe medio da pensión en Galicia é tan só de 771,34 euros e, por riba, o sistema de revalorización actual vai provocar que os máis maiores perdan poder de compra ano tras ano.

A poboación tamén sae prexudicada de situacións de exclusión inaceptables no eido sanitario pola redución de coberturas.

Todo isto, acompañado dun sistema tributario que non recada o suficiente e que redistribúe pouco. E, como consecuencia de todo o denunciado, España é o país da OCDE onde máis aumentou a desigualdade desde o  inicio da crise, só por detrás de Chipre, e tamén os niveis de pobreza e exclusión social, que afectan ao 29,2 % da poboación.

CCOO e UGT reiteran que o crecemento económico non está dando resposta adecuada ás necesidades da maioría da poboación que segue sufrindo o impacto da crise e das políticas de  austeridade e desvalorización salarial. Esta situación esixe actuar con urxencia para rescatar as familias e construír un modelo de crecemento que reduza o desemprego, que atalle a pobreza, que sirva para soster o modelo social, que aposte pola industria e a innovación e que recupere a calidade do emprego, a negociación colectiva e o tratamento do despedimento.