Concepción Burgo: ““Extremadamente decepcionante” falla dun verdadeiro Plan estratéxico do Xacobeo”

Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Política,PSOE

Concepción Burgo: ““Extremadamente decepcionante” falla dun verdadeiro Plan estratéxico do Xacobeo”

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, cualificou hoxe de “extremadamente decepcionante” a comparecencia do conselleiro de Cultura no Pleno do Parlamento para presentar o Plan Estratéxico do Xacobeo 21. A responsable socialista advertiu que “nin existía borrador” elaborado cos grupos parlamentarios e a sociedade “nin existe plan” para conseguir un turismo de calidade en base a esta celebración.

Burgo contrastou o “trágala” que significa este plan con relación ao feito en 1993, que foi presentado e acordado con tódolos grupos parlamentarios antes de que fora aprobado, fronte ao compendio de “publicidade e propaganda” que presentou hoxe a Xunta. Como exemplo citou á páxina 43 do dito “plan”, que “copia exactamente o mesmo eslógan da Galicia familiar, moza, innovadora e verde, que presentou Feijoo no acto político posterior ás eleccións de maio”.

Advertiu que “o que temos diante é unha cortina de fume para tapar a falla de logros do goberno de Feijóo” en materia de política social, económica, emprego ou sanidade no que cualificou de “estratexia burdamente partidista, se non fora tráxica”.

Sinalou á falla de coordinación entre os concellos do Camiño e a Consellería, así como ás malas condicións das infraestruturas, información e sinalización, a falla de seguridade ou mesmo da atención médica, a pesares do anuncio “chulo chulo” de “drons levando desfibriladores” cando “non existe un plan de servizos médicos do Camiño”. Criticou que en 10 anos apenas fixeran 12 albergues públicos e carezan de ningún tipo de planificación fronte á masificación.

Plan cultural

Concepción Burgo apuntou ademais á falla dun plan cultural do Xacobeo consensuado co sector, como é o caso de creadores, programadores ou empresas culturais. Cuestionou a indefinición do goberno galego, que anuncia o apio á cultura pero á hora da verdade gasta 3 millóns de euros nos concertos do Son do Camiño, e reclamou que “decidan se están polos grandes eventos ou polo impulso das empresas culturais galegas”.

Criticou tamén a “mala práctica” que supón destinarlle á Igrexa 210.000 euros para facer un estudo sobre a Catedral de Santiago, unha contía que equivale a “10 anos de axudas a un grupo de investigación de elite de humanidades”.

Os socialistas galegos defenderon un Xacobeo laico, que diferenciou do Ano Santo que lle corresponde á Igrexa porque, dixo, a celebración do Xacobeo “naceu cunha motivación laica, que non quere dicir que non teña valores éticos”, e rexeitou “defender con diñeiro público o impulso dos motivos relixiosos para facer o Camiño”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.