Concerto de Aninovo da Filharmónica de Pontevedra, a apertura da programación musical do 2019

A Filharmónica chisca un ollo á cultura galega e sube ao escenario á Banda de Gaitas de Forcarei
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Concerto de Aninovo da Filharmónica de Pontevedra, a apertura da programación musical do 2019

O Pazo da Cultura levantará o pano o 1 de xaneiro para acoller o concerto de Aninovo da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, “o pistoletazo de saída a toda programación musical do ano”, en palabras da concelleira de Cultura, Carme Fouces que hoxe presentou a sétima edición do concerto acompañada por Judit Rey, portavoz da Sociedade Filharmónica.

A cita musical coa que arranca o ano é o 1 de xaneiro, ás 19.30 horas. As entradas están a venda en ataquilla.com e tamén poderán adquirirse a partir do vindeiro 21 na billeteira da Casa da Luz.

A Orquestra Filharmónica de Pontevedra estará acompañado no escenario polo Ballet Norte (como noutras ocasións) e por vez primeira pola Banda de Gaitas de Forcarei e os solistas Silvia Ferrer (voz), Josele (gaita) e Margarita Guerra (castañola).

A primeira parte do concerto deste ano “chisca un ollo á cultura galega”, explica Judit Rey; en tanto que a segunda parte será “unha viaxe a Viena”, dirixido polo director convidado Juan Manuel Romero Llopis. E como selo da casa haberá intereacción cos asistentes -o público é protagonista nesta cita- o varias sorpresas.

O concerto de Aninovo coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra “é garantía de éxito”, subliña a concelleira de Cultura quen anima aos pontevedreses e pontevedresas a acudir ao Pazo da Cultura na tarde do 1 de xaneiro xa que “o concerto é tamén unha bos escusa para poñer fin á longa sobremesa do día”.