Concertos e actividades sectoriais centran as celebracións do #DíaDaMúsica2109

Publicado por o día 18/06/2019 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Eventos

Concertos e actividades sectoriais centran as celebracións do #DíaDaMúsica2109

O próximo xoves, 20 de xuño, na sala Aturuxo de Bueu, desenvolverase en sesión de tarde a xornada Galicia Territorio Musical, organizada polo Departamento provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Músicas ao Vivo, para celebrar o #DíaDaMúsica2019.

A xornada combinará concertos dalgunhas das propostas premiadas na última edición dos Premios Martín Códax da Música con palestras e sesións de traballo arredor de distintos temas de interese para o sector da música. Galicia vive un gran momento musical que se traduce nun bo número de propostas artísticas que están logrando facerse escoitar fóra do noso país; uns premios da música que levan xa seis edicións dando visibilidade a centos de proxectos; e festivais de gran calidade que ofrecen un valor diferencial ligado ao territorio; pero, ao mesmo tempo, son moitas e ben complexas as cuestións ás que se enfronta o sector: a sostibilidade dos festivais, a supervivencia das salas, a diversidade e a igualdade nas programacións, os atrancos administrativos e lexislativos, e o cambio de paradigma global cando se formula unha carreira músical, serán algúns dos temas a tratar nesta sesión que xirará arredor da situación da música ao vivo en Galicia.

Programa

A xornada comezará, ás 16:30 h, cunha presentación a prensa, que estará seguida dun concerto de Su Garrido Pombo, Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Canción de Autora. A continuación, a Asociación de Músicas Ao Vivo impartirá o workshop Sabes xestionar o teu proxecto musical? orientado a informar e asesorar a músicas e músicos sobre o cambio de paradigma na contratación. Tamén se exporán as vantaxes das cooperativas de música; e esbozaranse posibles solucións para resolver os atrancos que plantexan o Estatuto do Artista e a Lei de Espectáculos. Tras unha breve pausa para o café, dará comezo a palestra Galicia: estratexias dun territorio musical periférico e singular nun mundo global na que participarán Rosa Salgado, responsable de produción e management en Miraxe S. Coop Galega; Miguel de la Cierva, programador da sala O Náutico do Grove; Jordi Lorenzo. director do Festival SonRías Baixas, Su Garrido Pombo, Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Canción de Autora; e Alejandro Guillán ‘Baiuca’. Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Electrónica. A xornada pecharase con concertos de Tanxugueiras, Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Tradicional e Folque; e Baiuca, Premio Martín Códax da Música 2019 na categoría de Electrónica.

Galicia Territorio Musical fai parte da programación organizada arredor do Ano da Música para poñer en valor os programas e iniciativas de promoción da música galega na provincia, co obxectivo de democratizar a cultura, tanto de base como profesional.