Conciencia de xénero no persoal e no académico

Abordan dende os prexuízos á hora de elixir os estudos ata os estereotipos do feminino
Publicado por o día 10/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Conciencia de xénero no persoal e no académico

Aínda queda moito camiño por percorrer en materia de xénero. Neste afirmación coinciden, case palabra por palabra, as gañadoras dos premios Egeria que a Universidade convoca para os mellores traballos fin de grao e fin de mestrado con perspectiva de xénero. Catro das galardoadas (María Couso, Belén Carballo, Denise Pena e Ana Proupín) reflexionan para o Duvi sobre as motivacións persoais que as levaron a realizar as súas investigacións dende o punto de vista da igualdade e coinciden en subliñar que aínda hai moito que avanzar para acadar a igualdade real entre homes e mulleres.

Carreiras de homes vs. carreiras de mulleres?

O TFG de María Couso aborda unha das problemáticas que deixan ver máis ás claras como a desigualdade persiste entre a xente nova: os estereotipos de xénero á hora de elixir a carreira. A autora, estudante de Enxeñería en Organización Industrial e unha das fundadoras do equipo de Formula Student UVigo Motorsport, vive en primeira man o que representar estudar unha titulación masculinizada. O obxectivo do seu proxecto é analizar as causas da escasa presenza feminina en postos de responsabilidade ou a escasa matriculación en carreiras técnicas. Pregúntase se “somos nós mesmas as que renunciamos os postos de responsabilidade? Por que motivos eliximos as nosas titulacións? As mozas de hoxe en día pensan que hai ‘carreiras de homes e carreiras de mulleres’? Aféctanos a conciliación laboral á hora de afrontar un posto de traballo?”. As conclusións do traballo amosan que case a totalidade das mozas non se senten condicionadas á hora de elixir a súa titulación e non perciben que existan carreiras máis adecuadas para homes que para mulleres. As do eido sanitario son as que menos desigualdade perciben, mentres que as das titulacións técnicas amósanse “mais preocupadas polas desigualdades profesionais”. Sobre as motivacións á hora de elixir a carreira, a maioría das alumnas de artes e humanidades, ciencias sociais e sanitarias recoñecen motivos vocacionais, mentres case a totalidade das alumnas de enxeñería tiveron unha motivación pragmática, pola alta empregabilidade e oportunidades laborais.

No seu traballo, Couso tamén pon o foco na necesidade de dar a coñecer estas profesións técnicas e fomentar o interese das nenas e adolescentes polas carreiras STEM, “porque dende que somos nenas deseguida nos familiarizamos con profesións como doutora ou mestra, pero non resulta sinxelo entender o papel dunha enxeñeira ou dunha científica na sociedade”.

Sobre a súa experiencia persoal no UVigo Motorsport, lembra que foi elixida líder polos seus propios compañeiros e “todos traballamos como equipo, sen ningún tipo de obstáculo por ser muller. En ningún momento se apreciaba un ápice de diferenciación entre xéneros, todos éramos estudantes coas mesmas gañas de aprender, de formarse e de alcanzar os mesmos obxectivos”. Engade que cada vez hai máis mozas nesta competición automobilística académica, “liderando departamentos e liderando equipos” e apunta que para derrubar por completo as barreiras de xénero “debemos estar presentes en todo os ámbitos, incluíndo os máis humildes, para conseguir interiorizar a nosa presenza”.

As mans das mulleres que construíron o patrimonio etnográfico gandeiro da serra do Suído

As mans das mulleres, como as dos homes, modelaron a paisaxe tradicional e construíron o patrimonio etnográfico gandeiro, aínda que a súa pegada foi, moitas veces, ignorada. Para loitar contra esa invisibilización Belén Carballo tratou de poñer en valor as achegas femininas no seu traballo fin de mestrado, centrándose na serra do Suído, no concello de Covelo.

Estudante do Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, decidiuse por investigar como os homes e mulleres que practicaron a transterminancia ou transhumancia menor neste territorio, ata mediados do século XX, modelaron a paisaxe na serra. “No inverno o gando pacía arredor das explotacións agro-gandeiras e na estación estival era subido aos terreos mancomunados, para aproveitar o pasto tenro e máis nutritivo das chairas do Suído”, o que se coñecería como facer a Rolda. Para coñecer máis sobre ese fenómeno, Carballo realizou unha serie de entrevistas aplicando a paridade de xénero, o que lle permitiu coñecer tanto a visión dos homes como a “visión das mulleres deste feito social, dunha forma de vida desenvolvida de maneira inalterable durante séculos” que deixou a súa pegada en chozas, sesteiros e currais. “Estes bens constitúen o patrimonio material cultural de Galicia e son a herdanza de mulleres e homes, que percorreron a serra dende fai miles de anos”.

Belén Carballo agradece ter sido merecedora do premio Egeria, pero tamén considera que “todo traballo de investigación debería levar implícita a perspectiva de xénero, sobre todo en áreas coma a historia ou a antropoloxía, porque as mulleres somos parte da historia e da sociedade e a nosa voz sempre estivo silenciada nos libros”. Neste sentido, sostén que “queda moito camiño por percorrer, porque non todo o mundo é capaz de mirar a través das gafas moradas: as crianzas aínda son educadas por medio de estereotipos sexuais; segue habendo comportamentos machistas e pouca xente emprega a linguaxe inclusiva”, conclúe.

As mulleres, entre Evas e Virxes

Denise Pena estudou Belas Artes en Pontevedra e, aínda que o seu TFG titulado Evas; Virxes; Mais Eu comezou cun enfoque moi persoal, rematou sendo unha análise dos dous estereotipos principais de muller: Eva ou Virxe. Explica a autora que “tomando conciencia da miña contorna e de min mesma, decateime de que os estereotipos de feminidade convencionais están principalmente fomentados pola relixión”, que fomenta unha “perpetua” dicotomía María-Eva.

O que pretende Pena co seu TFG é atopar unha explicación a algo que ela viña facendo dende nena: pintar mulleres, mulleres moi semellantes entre elas que parecían responder a un canon establecido. “Eu collía o lapis e non deixaba de representar mulleres unha e outra vez, non as copiaba, simplemente correspondían a un estereotipo que eu xa tiña interiorizado por aquel entón”. E nese modelo supúñase que era no que debían encaixar as mulleres, reflectindo uns mesmos patróns de conduta: Eva ou a Virxe María. É por isto polo que considera que aínda queda moito que andar en materia de xénero, “o trato que se lles dá aos temas pertencentes a este ámbito segue sendo superficial, ¨continuamos sen saber da misa a metade¨, conclúe.

Aprender idiomas con conciencia de xénero

Ana Proupín gañou un dos premios ao mellor TFM con Lingualdade, unha App para o ensino de linguas estranxeiras a través da educación en igualdade e conciencia de xénero. Aborda temas como a violencia de xénero, a fenda de xénero en canto aos estudos universitarios, a muller e a ciencia, a igualdade nas tarefas do fogar, o concepto de beleza, a loita pola igualdade a través da historia e, tamén, as diferentes sexualidades.

Estudante do mestado de profesorado na especialización de Linguas Estranxeiras, Proupín explica que o seu traballo aposta por “unha ensinanza coeducativa, un modelo que dá valor e recoñecemento ás necesidades, desexos e achegas das mulleres e que, ao mesmo tempo, garante a formación e a educación en condicións de igualdade”. Neste sentido, engade que “a coeducación e, en concreto, este traballo defenden a práctica educativa como un ente que pescuda a convivencia de dous sexos na mesma aula sen que iso signifique desigualdade, violencia ou discriminación, senón unha oportunidade para enriquecerse e desenvolverse da forma máis efectiva posible”.

Remarca a importancia de traballar a conciencia de xénero “dende cativos, tanto na casa como nas aulas”, pero tamén lembra que “a lingua interioriza as representacións culturais, converténdose nun instrumento para a transmisión da cultura de xeración en xeración”, polo que ter en conta a perspectiva de xénero no proceso de adquisición doutro idioma pode achegar unha nova visión. Por iso valora moi positivamente este tipo de premios e iniciativas que fomentan a perspectiva de xénero nos traballos académicos e de investigación. “Na miña xeración non está tan interiorizado como pode parecer” e lembra como diferentes estudos demostran que o machismo repunta en xente nova, “creo que ainda hai moitas persoas que descoñecen a importancia da igualdade”, e neste sentido “queda moito camiño por percorrer”.

Xunto con estes catro traballos foron premiados tamén Ana Pousada, por un TFG no que analiza os anuncios de prostitución dende a Educación Social e Alejandro Raposo, por un TFM sobre as experiencias de LGTBIQ-fobia relatadas na rede.

Denise Pena
Belén Carballo
María Couso