Concilia Lalín ofrecerá durante o próximo curso 160 prazas para facilitarlles ás familias a compatibilización da vida laboral e persoal

O orzamento de licitación do contrato para este período é de 145.187,60 euros.
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Galicia,Lalín

Concilia Lalín ofrecerá durante o próximo curso 160 prazas para facilitarlles ás familias a compatibilización da vida laboral e persoal

O Concello de Lalín vén de publicar na Plataforma de Contratacións do Estado a licitación do Programa Concilia Lalín, que ten por obxecto articular servizos que permitan compatibilizar a vida laboral coa vida persoal e familiar adaptados ás necesidades reais da cidadanía como parte da Estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sustentable (POCS) 2014-2020. O obxecto do contrato é o de ofrecer un servizo de conciliación que durante os períodos lectivos e vacacionais do curso escolar se ofrecerá nos centros educativos de ensinanza primaria e infantil de Lalín e noutras localizacións, mediante unha programación de actividades extraescolares de carácter común e innovador. O orzamento de licitación do contrato para o período 2019/2020 é de 145.187,60 euros e para o total do programa ascende a máis de 290 mil.

Tras realizarse un estudo diagnóstico previo sobre as necesidades a cubrir falando coas nais e pais, o programa Concilia Lalín articularase en dúas liñas de actuación que, cun total de 160 prazas anuais, darán servizo ás necesidades do conxunto da poboación usuaria dos colexios durante todo o período lectivo do curso 2019/2020 nos colexios Manuel Rivero, Arias de La Maza (Vilatuxe), Varela Buxán (Cercio) e Xoaquín Loriga (Prado). A primeira desenvolverase de maneiras diferentes segundo se trate de período lectivo ou vacacional. Por un lado, durante o período lectivo, levarase a cabo nos mencionados centros educativos un programa orientado a dar resposta aos problemas de incompatibilidade horaria das familias mediante a prestación dun servizo de conciliación en horario extraescolar. Por outro, nos períodos vacacionais (nadal, entroido, semana santa e verán), de modo centralizado, proporcionarase unha oferta lúdico-educativa dirixida aos nenos e nenas do concello deseñada dende unha dimensión educativa e de lecer e que previsiblemente se realizará nas instalacións do Manuel Rivero.

Durante o período lectivo, o programa Concilia, que contará nesta modalidade con 70 prazas, adecuará os horarios da prestación do servizo ás horas previas e posteriores da xornada escolar de cada colexio que, de modo orientativo e flexible serán os seguintes:

  • Manuel Rivero, de 07.30 a 09.30 horas e, pola tarde a partir das 16.00 horas.
  • Vicente Arias de la Maza, de 07.30 a 09.30 horas e, pola tarde, a partir das 16.00 horas.
  • Varela Buxán, de 07.30 a 09.30 horas e a partir das 16.15 horas de luns a xoves, e das 13.45 os venres.
  • Xoaquín Loriga. De outubro a maio de 07.40 a 09.40 horas e a partir das 16.35 de luns a xoves e das 15.00 os venres. De setembro a xuño, de 07.40 a 09.40 horas e a partir das 15. 60 horas.

Ao Manuel Rivero, polo maior número de alumnado, corresponderanlle 30 prazas e, aos demais colexios, 10 a cada un.

Nos períodos vacacionais este servizo desenvolverase de modo centralizado entre o 19 de xuño e o 10 de setembro de 2019 (verán), do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (nadal), os días 24, 25 e 26 de febreiro de 2020 (entroido) e do 6 ao 13 de abril de 2020 (semana santa). O horario máximo destes servizos será de 08.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00. Ofrecerá outras 70 prazas distribuídas en distintas franxas horarias das que ata 25 poderán contar con servizo de comedor.

A segunda liña de actuación do programa Concilia Lalín consistirá na posta en marcha dunha oferta común de actividades extraescolares dirixida a menores de entre 3 e 12 anos escolarizados no municipio que, neste caso, ofrecerá un máximo de 20 prazas.  Desenvolverase en horario de tarde nos días lectivos do curso escolar e o lugar de realización das actividades deberase de adecuar ás necesidades diferentes do seu desenvolvemento. Estas serán de carácter deportivo, tecnolóxico, de índole creativa, de educación ambiental etc.

Os prezos públicos dos servizos regularanse nunha ordenanza e será responsabilidade da empresa adxudicataria a posta en marcha do procedemento de admisión en ambos servizos en concordancia co persoal municipal encargado do programa.

Concilia Lalín, ademais de favorecer a conciliación das familias do municipio quere tamén contribuír á efectiva corrección das desigualdades sociais por razón de sexo, diversidade, risco de exclusión social etc. para garantir a igualdade de oportunidades de todos os menores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.