Conclúe en Vigo o I Simposio Nacional de Oncoloxía de precisión cun chamamento para optimizar a coordinación investigadora e clínica e a un maior traballo en rede

“É primordial que todos os centros hospitalarios dispoñan dos medios diagnósticos para poder confirmar os biomarcadores presentes nun tumor, que comporten un tratamento dirixido de forma estandarizada ou asistencial”, considera o Doutor Casal Rubio, Xefe de Servizo de Oncoloxía do CHUVI
Por o 01/03/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
Conclúe en Vigo o I Simposio Nacional de Oncoloxía de precisión cun chamamento para optimizar a coordinación investigadora e clínica e a un maior traballo en rede

Esta mañá concluíu na sede de Afundación ABANCA de Vigo o I Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión, que reuniu na cidade olívica a un centenar de profesionais, principalmente científicos e investigadores, relacionados con esta disciplina. Os coordinadores científicos do foro destacan, ao termo do mesmo, que é necesario optimizar a coordinación investigadora e clínica e avanzar cara a un maior traballo en rede no ámbito da oncoloxía de precisión.

Neste sentido, o doutor Joaquín Casal Rubio, Xefe de Servizo de Oncoloxía do CHUVI e membro do comité científico organizador do simposio, sinala que “é primordial que todos os centros hospitalarios dispoñan dos medios diagnósticos, neste caso nos servizos de anatomía patolóxica, para poder confirmar os biomarcadores presentes nun tumor, que comporten un tratamento dirixido de forma estandarizada ou asistencial”.

O doutor Casal Rubio quixo poñer en valor os esforzos realizados pola Sociedade de Anatomía Patolóxica (SEAP) e pola Sociedade de Oncoloxía Médica (SEOM) “para levar a cabo consensos, en cada patoloxía tumoral, do que debe ser imprescindible dispoñer nun centro para o diagnóstico do tumor e o seu tratamento”. “A nivel de Comunidade, tamén se require coordinación dalgunha técnica (xenómica, por exemplo) e mesmo a posibilidade de traballar en rede”.

Transversalidade

Ao traballo transversal e en rede tamén se referiu o doutor Sergio Vázquez Estévez, presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia ( SOG). “É importante optimizar os recursos dos que dispoñemos, traballando man a man mesmo con investigadores doutros países e evitando os chiringuitos e egocentrismos que tanto dano fan á investigación no noso país”, concluíu.

Pola súa banda, o doutor Martín Lázaro Quintela, membro tamén do comité científico que coordinou o simposio, quixo poñer en valor a relevancia de todas as mesas redondas que se desenvolveron no seo do foro e nas que se permitiu, entre outros asuntos, abordar a Estratexia Nacional de Medicina de Precisión ou “a situación actual no acceso ás novas técnicas e tratamentos”.

Lázaro Quintela tamén se referiu á elección de Vigo como sede deste foro por ser “un lugar representativo da oncoloxía en Galicia, cun hospital novo, punteiro en alta tecnoloxía e no que tamén estamos a utilizar as novas técnicas diagnósticas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.