Conclúen as xornadas “Podemos: trabajo para todas”

Publicado por o día 15/01/2017 na sección de Podemos,Política,Vigo

Conclúen as xornadas “Podemos: trabajo para todas”

Esta mediodía chegaban ó seu final as xornadas organizadas por Podemos Canarias e o equipo legal de Unidos Podemos, que baixo o título “PODEMOS: Trabajo para Todas” se celebraron esta fin de semana e ás que foi convidada como poñente a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, que viaxou na compaña de parte da executiva galega da formación.

O obxectivo final destas xornadas foi poñer en común as diversas experiencias que se tiveron nas diferentes partes do estado español, tanto a nivel electoral, como de participación ou as experiencias das diferentes confluencias.

No acto de peche, Carmen Santos, logo de agradecer a Podemos Canarias e o equipo legal o convite e a organización das xornadas, reflexionou sobre a necesidade de profundar na democratización da propia organización e chamou a “levar ese compromiso coa vontade das bases a todos os espazos onde Podemos participe”. “Non nos podemos permitir que nos engulan as dinámicas partidistas e de aparato” porque “temos moita xente á que convencer de que Podemos é algo diferente, que fai as cousas doutro xeito”.

Durante a fin de semana, Carmen Santos puxo en valor as experiencias acadadas na construción e posterior desenvolvemento do espazo político de En Marea, así como os distintos fitos no camiño do que resultou dita confluencia. Para a secretaria xeral de Podemos en Galicia, este tipo de procesos son “incriblemente valiosos”, xa que “serven para coñecer outras formas de traballo, outras ideas e outras metodoloxías, das que se poden extrapolar importantes ensinanzas para aplicar á nosa propia formación”. “Tamén eles aprenden de nós e, deste xeito, enriquecémonos todas e todos”, engadiu. Juan Merlo, secretario de organización galego, valorou as xornadas como “enriquecedoras”, destacando que “en Podemos amosamos unha vez máis que, por enriba de todo, somos un partido político de ideas, pero tamén de persoas”, “e por iso é positivo que, de cando en vez, nos xuntemos e nos vexamos as caras”. O secretario de organización galego, que participou no taller sobre as experiencias dos apoderados nas eleccións, quixo tamén “poñer en valor ás persoas que poñen o seu corpo, as ganas e o espírito nos procesos electorais”, e dixo delas que “son unha ferramenta imprescindible para empoderar á cidadanía”.

O abogado coruñés Miguel Ángel Jiménez, membro do equipo legal de Podemos Galicia e responsable de apoderadas e apoderados para a campaña do 20-D, valorou pola súa banda como “un dos máis interesantes” o taller sobre as experiencias das persoas que exerceron como apoderadas de Podemos nos diversos procesos electorais. Para Miguel Ángel Jiménez, “ese tipo de actos non só serven para poñer o coñecemento e experiencias de todas e todos en común, senón que supoñen “unha verdadeira ferramenta de empoderamento cidadá”.

Podemos Galicia agradece ás compañeiras e compañeiros de Canarias e do equipo legal a organización e o convite a participar nestas xornadas. Creemos que non hai mellor mestra que a experiencia nin mellor xeito de poñela en común que a práctica e o debate constantes. Ese é o camiño que nos levará a recuperar unhas institucións transparentes e postas ó servizo da xente e gañar un país para a súa cidadanía.