O concurso MicroCatrorelatos xa ten os seus dous primeiros finalistas escollidos polo público e o xurado

A vindeira eliminatoria será o 24 de febreiro e terá como eixo central o Entroido.
Publicado por o día 28/01/2017 na sección de Cultura,Vigo

O concurso MicroCatrorelatos xa ten os seus dous primeiros  finalistas escollidos polo público e o xurado

A primeira semifinal do concurso MicroCatrorelatos, que se celebrou onte no

Café De Catro a Catro, xa conta cos seus primeiros finalistas. Así, o relato elixido polo público asistente foi “Nunca antes vira o mar”, de Mónica Muñoz, mentres que o texto escollido polo xurado resultou “As balas de koch”, de Francisco Fernández.

Para emitir os seus votos, tanto o público como o xurado valoraron especialmente a calidade dos escritos, pero tamén a súa orixinalidade e o xeito de lelo e interpretalo por parte dos autores. Estes dous textos participarán directamente na final do concurso, que terá lugar o día 26 de maio, tamén no Café de Catro a Catro, pero os seus autores xa non poden participar noutra das eliminatorias anteriores á final.

A segunda semifinal celebrarase o vindeiro 24 de febreiro e o eixo será o Entroido, debido a coincidencia das datas. Desta forma, o xurado e o público valorarán os relatos que teñan por tema esta festa, así como que os autores fagan a lectura empregando un disfrace. A data tope para enviar os orixinais correspondentes a esta eliminatoria é o 15 de febreiro e como máximo pódese presentar unha obra por semifinal e autor.