O concurso de relatos curtos MicroCatrorelatos xa conta con catro finalistas para participar na final de maio

A terceira eliminatoria celebrarase o 31 de marzo no Café de Catro a Catro.
Publicado por o día 25/02/2017 na sección de Cultura,Vigo

O concurso de relatos curtos MicroCatrorelatos xa conta  con catro finalistas para participar na final de maio

Xurado e público elixiron onte no Café de Catro a Catro dous novos finalistas do concurso MicroCatrorelatos, que lles leva a participar na proba final do mes de maio. Deste xeito, aos textos “Nunca antes vira o mar” e “As balas de koch”, finalistas do mes de xaneiro, sumáronse onte os relatos “A veciña do 5oB” e “Fada de terra”.

Nunha eliminatoria que tivo como especial protagonista o Entroido, con xurado e boa parte de público disfrazados, os autores e autoras aproveitaron para realizar unha lectura máis visual dos seus textos, empregando aditamentos que lles axudaban na súa interpretación. Xunto á orixinalidade dos relatos, este foi, polo tanto, un criterio moi tido en conta á hora de emitir as votacións, tanto por parte do público como do xurado.

A vindeira eliminatoria, a terceira, terá lugar o 31 de maio e para participar nela é necesario enviar os orixinais antes do día 15 dese mes, ás 23.59 horas, ao correo electrónico microcatrorelato@gmail.com. Os textos  recibidos con posterioridade a esa data pasarán a competir na cuarta semifinal do certame.

MicroCatrorelatos é un concurso literario que organiza o café De Catro a Catro en colaboración coas editoriais Galaxia, Xerais, Elvira e a asociación cultural 4 Patacos, e que nesta convocatoria de 2017 alcanza a súa quinta edición. Precisamente dous dos integrantes do xurado –Clara do Roxo e Amadeo Cobas- forman parte da directiva de 4 Patacos e Ángela Costas é a gañadora do certame do ano pasado.