Conde anima ao sector da loxística a apoiarse na dixitalización para gañar en competitividade ante o novo escenario económico

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no webinario ‘A función loxística na recuperación económica dos sectores estratéxicos de Galicia’, organizado polo Clúster da Función Loxística
Publicado por o día 19/06/2020 na sección de Economía,Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no webinario A función loxística na recuperación económica dos sectores estratéxicos de Galicia, organizado polo Clúster da Función Loxística.

Durante o encontro, Conde animou ao sector a reinventarse apoiándose na transformación dixital do seu modelo, gañando así en eficacia, en proximidade e en competitividade. Deste xeito, o conselleiro apelou á necesidade de reformular a cadea produtiva orientándoa a unha maior presenza de novas tecnoloxías, incluíndo o teletraballo e o comercio electrónico, fortalecendo así a Industria 4.0.

Na súa intervención, o titular de Economía, Emprego e Industra informou aos participantes que, a este respecto, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas do Cheque Dixital –para apoiar o teletraballo e as iniciativas empresariais no rural– e o programa Galicia Exporta Dixital.

No marco tamén do Plan de reactivación económica impulsado pola Administración autonómica, a vindeira semana estará dispoñible unha nova edición das axudas á transformación dixital, para a que a Xunta dispón 5,4 millóns de euros. Permanecen ademais abertas as axudas para impulsar a reorganización produtiva e a fabricación en Galicia de materiais sanitarios e de protección laboral.

Conde destacou a importancia de mirar cara ao futuro, traballando co sector na posta en marcha da Estratexia de Optimización Loxística de Galicia, unha folla de ruta para o tecido empresarial que mobilizará máis de 20 millóns de euros ata 2022 para facer da loxística un factor de converxencia territorial e de competitividade industrial.