Conde destaca que a formación é a base para xerar emprego de calidade e dar resposta a un mercado cada vez máis competitivo Escoitar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Arteixo pola capacitación xuvenil que permitiu que 15 mozos e mozas se formasen en atención sociosanitaria, un sector cun 70% de inserción laboral
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Conde destaca que a formación é a base para xerar emprego de calidade e dar resposta a un mercado cada vez máis competitivo Escoitar

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Arteixo pola capacitación xuvenil, un curso no que, durante 6 meses, un total de 15 mozos e mozas recibiron a formación e cualificación necesaria para traballar na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Conde destacou a importancia da formación nun contexto no que a economía é máis competitiva, o consumidor máis esixente e no que os empresarios piden persoal máis cualificado.

“O noso obxectivo común é a xeración de emprego de calidade, e a base deste obxectivo é a formación que abre oportunidades e permite seguir progresando na carreira profesional. Cada vez que asistimos a unha clausura deste tipo temos que felicitarnos todos, os alumnos que superastes o curso, pero tamén o sistema que permite acceder a esta formación”, asegurou Conde.


Neste sentido, o conselleiro apelou á colaboración entre as administracións para dar resposta ás necesidades do mercado nun contexto cada vez máis complexo. “Necesitamos a axuda e colaboración dos concellos para identificar, a pé de rúa, a demanda e os cursos que poden abrir oportunidades aos seus veciños”, explicou.

En relación ao obradoiro Arteixo pola capacitación xuvenil, polo que os alumnos recibiron o certificado de profesionalidade correspondente que os habilita para traballar como coidador ou xerocultor, Conde sinalou que se trata dunha profesión cada vez máis demandada. De feito, informou de que esta profesión ten unha inserción no mercado laboral do 70%. O conselleiro animou aos alumnos a seguir adiante na súa formación e explicou a importancia de estar ao día en canto ás novas tecnoloxías xa que terán unha gran importancia na súa aplicación no eido sociosanitario: “Este curso é un punto e seguido na vosa traxectoria profesional xa que non deberiades perder ese obxectivo de seguir formándovos”, afirmou.

Novas convocatorias de axudas

Co obxectivo de seguir fomentando un emprego de calidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria abrirá o prazo, nos vindeiros días, para a solicitude de axudas tanto para incentivar a contratación de desempregados de longa duración como para apoiar talleres de formación dirixidos a menores de 30 anos.

Por unha parte, o próximo xoves, 6 de abril, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria das axudas para incentivar a contratación de desempregados de longa duración maiores de 45 anos, un colectivo prioritario para Galicia. En total destinaranse 2 millóns de euros nesta edición que financiará a contratación entre empresas e autónomos priorizando colectivos como mulleres, persoas con discapacidade ou pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros no paro. As axudas, dependendo dos casos, poden ir dos 10.000 aos 25.000 euros por contrato.

Ademais, o próximo luns, 10 de abril, o DOG publicará unha nova convocatoria de axudas para apoiar talleres de formación dirixidos aos menores de 30 anos, financiado co Sistema de Garantía Xuvenil. Este ano destinaranse 20,5 millóns de euros, case un 50% máis que en 2016, para chegar a un total de 1.600 galegos e galegas.

Nesta edición valorarase a vinculación do obradoiro co tecido empresarial do concello onde se realice, ampliarase a duración dos cursos ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán cunha maior puntuación, darase preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen e primaranse os proxectos con maior vinculación coa Industria 4.0.