Conde destaca que a Administración debe actuar como panca para favorecer que a muller gañe presenza no emprendemento e na innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un ‘networking’ organizado por Executivas de Galicia no que coñeceu de primeira man as súas propostas e expuxo as medidas da Xunta
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Economía,Emprego,Xunta de Galicia

Conde destaca que a Administración debe actuar como panca para favorecer que a muller gañe presenza no emprendemento e na innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou hoxe na Coruña que a Administración debe actuar como panca para favorecer que a muller gañe presenza no emprendemento e na innovación e destacou o seu importante papel para que que a economía creza e progrese, tras a súa participación hoxe na Coruña nun networking organizado por Executivas de Galicia. Así, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as preocupacións e propostas deste colectivo e de expoñer as medidas que a Xunta está a poñer en marcha para avanzar en materia de igualdade laboral.

“A administración, a empresa, a universidade e as asociación debemos desenvolver un traballo conxunto para dar resposta á demanda social de que a muller ocupe máis espazos nun mundo que vén marcado pola innovación, o emprendemento e a dixitalización. A muller ten que ter máis presenza liderando novos espazos”, salientou o conselleiro.

No Día da conciliación e da corresponsabilidade, Conde incidiu en que se trata dunha tarefa na que todos e todas debemos traballar xuntos. Afirmou que nesta busca irrenunciable da igualdade, a sociedade galega conta co compromiso da Xunta e enumerou varias das medidas postas en marcha polo Goberno galego a prol do emprego feminino, como os 71 millóns de euros destinados o pasado ano para facilitar a integración laboral das mulleres; ou como o programa Emprega en feminino que desde 2017 a 2020 destina 100 millóns de euros para incidir en ámbitos como o emprendemento, a innovación, a reincorporación ao mundo laboral ou o acceso a postos directivos.

Neste último eido, destacou o programa Executivas para impulsar as habilidades directivas entre as profesionais e que este ano incluirá, por primeira vez, accións formativas para as novas tituladas universitarias ou de FP co obxectivo de facilitar a súa carreira e acceso a postos de mando.

Aínda que admitiu que queda camiño por percorrer, asegurou que Galicia avanza no impulso ao emprego feminino e explicou que o peso da afiliación feminina en Galicia é, cun 48%, o maior de todas as Comunidades Autónomas; que a desviación salarial é menor ao promedio estatal; que 8 de cada 10 traballadoras teñen un emprego a tempo completo e 7 de cada 10 un contrato indefinido. Tamén sinalou que cada vez hai máis mulleres empregadoras -en concreto, Galicia conta con 2.300 máis que o ano pasado- e máis en postos de dirección -12.300 en total-.

Conde puxo en valor o labor de Executivas de Galicia con actividades como a organizada hoxe ou iniciativas como Madrinanet que apostan por utilizar o coñecemento das profesionais con más experiencia no asesoramento ás novas emprendedoras, como fai a Xunta dentro da súa rede de Mentores, e sinalou que este tipo de medidas son o complemento perfecto ao labor que se realiza desde as administracións.