Conde destaca que a marca Galicia cotiza á alza no mercado internacional cunhas cifras que ratifican o mellor ciclo exportador logo de superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns

Salienta que, segundo os últimos datos, de xaneiro a xullo deste ano, as exportacións creceron un 9,9% con respecto ao mesmo período do ano pasado por riba da media estatal (3,8%)
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Economía

Conde destaca que a marca Galicia cotiza á alza no mercado internacional cunhas cifras que ratifican o mellor ciclo exportador logo de superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a Marca Galicia cotiza á alza no mercado internacional, cunhas cifras que ratifican o mellor ciclo exportador da nosa historia, logo de superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros. Deste xeito, referiuse así aos últimos datos que se acaban de coñecer e que indican que, de xaneiro a xullo deste ano, as exportacións creceron un 9,9% con respecto ao mesmo período do ano pasado por riba da media estatal (3,8%).

Durante o acto de entrega de acreditacións aos antigos bolseiros de internacionalización do Igape con motivo do seu 25 aniversario, aseverou que detrás destas cifras hai un intenso traballo por parte do tecido empresarial galego e o compromiso da Xunta de acompañar, en todo momento, nesta andaina. Un compromiso reflectido nos 25 anos que cumpre o Igape, o brazo de apoio que a Xunta pon a disposición das empresas para impulsar as súas actividades e dar resposta ás súas necesidades, con especial énfase no ámbito da internacionalización e no fomento do emprendemento ou a Industria 4.0.

Nesta liña, e a modo de exemplo, o conselleiro destacou que o programa de bolsas en comercio exterior é unha iniciativa que se leva consolidando ao longo deste tempo. E recordou que en todos estes anos o Igape ten sabido: liderar unha axenda propia nos diferentes destinos, ofrecer servizos de acompañamento e asesoramento personalizado, garantir unha presenza permanente nos países para a consolidación dos proxectos e dar continuidade a programas de internacionalización coma este curso de especialización.

Todo elo, seguindo unha planificación definida na Estratexia de Internacionalización 2020, que ten como obxectivo que as exportacións representen nese horizonte o 40% do PIB –no 2013 representaban o 33% e no 2017 xa acadan o 36%-; ou incrementar a base de empresas exportadoras que, actualmente, é de 6.722, das que 2.400 o fan con regularidade.

Con ese mesmo obxectivo, desde o Igape tamén se promove a actividade exterior do tecido empresarial galego a través do programa Galicia Exporta que, cun orzamento de 6,5 millóns, cobre ata o 70% dos investimentos que comporta a actividade exportadora, dando apoio directo neste momento a máis de 300 empresas galegas.

Conde concluíu incidindo en que a internacionalización é a condición indispensable para poder crecer e competir nun mercado máis amplo. “Nunha economía global, en plena era dixital, as expectativas de crecemento dunha empresa deben estar encamiñadas ao mercado internacional. É unha cuestión de competitividade, de rendibilidade e de imaxe”, abundou.