Conde destaca que o reto do sector do comercio pasa por achegar ao cliente un valor engadido a través da dixitalización e as medidas de seguridade

Subliña que esa é unha das principais prioridades da Xunta a través do programa Reactiva, que recolle axudas por 16M€ para que os establecementos comerciais, turísticos ou empresas de transporte poidan instalar as correspondentes medidas de protección
Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Economía,Empresas,Galicia,Ribadumia,Xunta de Galicia

Conde destaca que o reto do sector do comercio pasa por achegar ao cliente un valor engadido a través da dixitalización e as medidas de seguridade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, apuntou hoxe que o reto do sector do comercio pasa por achegar un valor engadido ao consumidor a través da dixitalización e as medidas de seguridade para trasladar unha mensaxe de confianza e ofrecer un servizo máis accesible.

“O consumidor cada vez é máis dixital, utiliza diferentes canles e o comercio de proximidade ten unha oportunidade para estar aí e ten que repensar o seu negocio en clave dixital para xerar valor”, apuntou Conde.

Durante a súa visita á empresa Vilanova Peña, puxo de manifesto que esa é unha das principais prioridades da Xunta a través do programa Reactiva, que recolle axudas por 16 millóns de euros para que os establecementos comerciais, turísticos ou empresas de transporte poidan instalar as correspondentes medidas de protección. Segundo apuntou, aínda se poden solicitar ata o 17 de agosto e, polo momento, xa contan con preto de 2000 solicitudes recibidas.

O conselleiro incidiu en que o lema da reactivación económica no sector do comercio ten que ser o de Comercio Seguro e, con ese mesmo nome, lembrou que a Xunta ten activa unha plataforma de autoavaliación gratuíta (www.comerciosegurogalicia.gal) para os establecementos que precisen asesorarse en materia de hixiene sanitaria. Ata a data, máis de 3500 locais galegos superaron a avaliación e agora poden optar ao seu distintivo como tenda adherida ao programa Comercio Seguro.

Na mesma liña, o Cheque Dixital, o programa Galicia Exporta Dixital e o de dixitalización de pemes son outras axudas que están, tamén, á disposición dos comerciantes e autónomos porque, reiterou, do binomio dixitalización e seguridade depende o futuro do comercio e de moitos outros sectores como o turístico.

Segundo apuntou, a cabalo entre ambos os dous traballa a empresa Vilanova Peña, tamén inmersa no sector contract. En palabras de Conde, “é un exemplo do que significa o comercio de proximidade e de como a través del se pode vertebrar desde o punto de vista económico e social toda unha comarca”. Unha empresa familiar con medio século de traxectoria, innovadora e comprometida coa comarca do Salnés da que sabe aproveitar todo o seu potencial no ámbito do enoturismo.