Conde pon en valor a aposta da Xunta pola industria aeroespacial galega para impulsar a súa internacionalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración do III Foro Aeroespacial Chile-España, no que se avaliaron as perspectivas de futuro e os desafíos no eido do regulamento

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor en Santiago de Compostela na inauguración do III Foro Aeroespacial Chile-España a aposta da Xunta por esta industria. O obxectivo de este encontro, que se celebra hoxe e mañá, é poder coñecer as últimas novidades en torno ao sector, os casos de éxito e avaliar as súas perspectivas de desenvolvemento e os desafíos regulatorios.

Conde destacou que o obxectivo da Xunta é internacionalizar a Marca Galicia dando a coñecer ao exterior os resultados tecnolóxicos que se están a obter na Comunidade galega. Así, a industria aeroespacial está a crear moitas oportunidades xerando só en España un volume de negocio de 1200M€ e 11.000 empregos.

O titular de Economía lembrou que fai cinco anos a Xunta decidía apostar por este sector e co apoio de toda a industria acadouse converter os vehículos aéreos non tripulados nun sector estratéxico para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Así, esta colaboración fixo posible que empresas tractores líderes mostraran o seu interese pola Comunidade galega, como Indra -promotora deste foro-, Babcock e Boeing.

Sinalou, ao respecto, que esta suma de capacidades (empresas líderes, pemes galegas con experiencia, entidades colaboradoras como o CTAG, as universidades e as administracións) deu como resultado o Polo Aeroespacial de Galicia que cinco anos despois conta cun investimento programado de 164M€ (a metade xa está en execución); a implicación de 50 axentes entre administracións, empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento; o desenvolvemento de máis de 35 proxectos de I+D+i, emprendemento e infraestruturas; e a creación de máis de 400 empregos creados coa previsión de chegar a preto de 500 directos.

A través deste Polo puxéronse en marcha cinco programas ao que se sumará proximamente un sexto dirixido ás vocacións científicos-tecnolóxicas. Os cinco programas postos en marcha son: o de I+D con socios estratéxicos como Indra e Babcock; o de solucións para contar con tecnoloxías innovadoras que ofrezan mellores servizos públicos e que xa conta con 10 licitacións resoltas; o de infraestruturas a través do que se impulsou o crecemento do aeródromo de Rozas e o centro de investigación, así como o parque industrial que na actualidade está en fase de construción; o programa científico desenvolvido por Inta; e, por último, o de emprendemento e talento a través da BFAero, que conta cos cinco primeiros proxectos en marcha na primeira das tres convocatorias previstas desta aceleradora.

O titular de Economía explicou, así mesmo, que algúns dos proxectos postos en marcha darán un salto definitivo nos próximos meses como a aeronave Targus -mañá haberá unha demostración no Centro de Investigación Aeroespacial de Rozas (CIAR)- ou o dispositivo para a localización de persoas desaparecidas (Lifeseeker).

Para rematar, Conde agradeceu aos organizadores do foro que contaran por primeira vez con Galicia para desenvolver a xornada (ata o de agora facíase en Barcelona) e desexo que Galicia e Chile poidan converterse en aliados de primeiro nivel no ámbito aeroespacial.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM