Conde resalta o compromiso de Vegalsa Eroski co rural galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe no centro loxístico de Oroso á sinatura do convenio entre a empresa e Afigal e Sogarpo, que permitirá á compañía avanzar no seu proceso de expansión
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Economía

Conde resalta o compromiso de Vegalsa Eroski co rural galego

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita ao centro loxístico de Vegalsa Eroski no concello coruñés de Oroso o compromiso da compañía co rural galego, resaltando así mesmo a aposta pola innovación e a dixitalización, dous dos aspectos nos que a Xunta está a traballar para que o tecido empresarial galego medre e gañe en competitividade.

Na visita, Conde foi testemuña da sinatura do convenio de Vegalsa Eroski con Afigal e Sogarpo que vai permitir que a empresa continúe co seu proceso de expansión, que se vai materializar, en boa medida, na Galicia rural. A colaboración con estas sociedades de garantía recíproca galegas vai permitir que a compañía siga medrando nos concellos de menos de poboación, pasando das súas 60 franquías actuais ás 90 nos vindeiros cinco anos.

Este modelo de explotación permite, segundo sinalou o conselleiro, a creación de pemes e emprego no rural galego, o impulso do sector agroalimentario e a modernización do comercio galego. Ao mesmo tempo, supón unha oportunidade para que aos emprendedores lles sexa máis doado afrontar o investimento nestas novas franquías.

Cunha traxectoria de máis de 60 anos, Vegalsa Eroski conta con 262 establecementos en 5.900 empregos en Galicia, Asturias e Castela e León, e máis de 1.000 millóns de euros de facturación. Conde destacou que a empresa está comprometida coa súa terra, a través da xeración de emprego e da aposta pola produción local e os provedores galegos; e coa responsabilidade social, con accións a prol do medio ambiente, a cultura ou a difusión de hábitos saudables.