Conde salienta que o programa ReAcciona permite ás empresas reinventarse para crecer e mellorar a súa produtividade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nun encontro na Cidade da Cultura sobre esta iniciativa da que se lanzará nas próximas semanas unha nova convocatoria cun orzamento de dous millóns de euros.
Publicado por o día 07/06/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

Conde salienta que o programa ReAcciona permite ás empresas reinventarse para crecer e mellorar a súa produtividade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe nunha xornada celebrada na Cidade da Cultura que o programa ReAcciona achega a pemes, autónomos e emprendedores as ferramentas precisas para que poidan reinventarse como empresa e, deste xeito, crecer e mellorar a súa produtividade.

Tal e como indicou Conde, co ReAcciona, do que se poñerá en marcha en vindeiras semanas unha nova convocatoria, achégase ás compañías o asesoramento necesario para sacar adiante as súas estratexias de crecemento apoiando sobre todo os equipos directivos e de xestión cun servizo de expertos.

Así, as empresas poden analizar, entre outros aspectos, como poden crecer máis e ser máis eficientes; se teñen capacidade para expandir o seu negocio; como mellorar os seus procesos de produción; se os seus produtos achegan un valor engadido que non teña a competencia, ou mesmo se existen novos segmentos de mercado e de clientes aos que poidan chegar.

Ata o de agora, a Xunta destinou a través das edicións anteriores 5,1 millóns de euros, que mobilizaron 7 millóns e axudaron a desenvolver 1.400 proxectos postos en marcha por 850 empresas galegas. A nova convocatoria contará cun orzamento de 2 millóns de euros para apoiar preto de 500 plans por parte de pemes e autónomos. A maior parte dos proxectos buscan servizos de tipo comercial (35%), servizos de xestión (26,5%), asesoramento para desenvolver o seu plan estratéxico (20,5%) ou para deseñar un plan de negocio (18%).

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que o éxito empresarial require dun traballo constante por mellorar, facendo fincapé en que a innovación é a que marca a diferenza, e é a baza coa que Galicia quere gañar en competitividade achegando ese compoñente de saber facer co que conta a Comunidade.

Apuntou o conselleiro que innovando o tecido empresarial ten a fórmula para competir, para crecer e gañar músculo, pero tamén para atraer o interese de multinacionais e compañías dispostas a investir en Galicia. Sinalou Conde que á Administración, a todos os niveis, incluído o local, lle corresponde suprimir ao máximo as trabas burocráticas para poder instalarse en territorio galego, o que se está a facer a través da Lei de implantación empresarial que se está a elaborar no marco do Plan de captación de investimentos.