Conde sinala en Arbo que a Lei de implantación empresarial que hoxe entra en vigor impulsará os parques industriais da Comunidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou o polígono empresarial de Arbo, un dos beneficiarios da orde de axudas para a modernización destas infraestruturas
Publicado por o día 26/10/2017 na sección de Economía,Xunta de Galicia

Conde sinala en Arbo que a Lei de implantación empresarial que hoxe entra en vigor impulsará os parques industriais da Comunidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante a visita que realizou ao parque industrial de Arbo no día de onte, que a Lei de implantación empresarial que hoxe entra en vigor -tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia- permitirá impulsar os polígonos da comunidade.

Conde referiuse á aposta que o Goberno galego está a realizar para a modernización dos parques empresariais galegos co obxectivo de mellorar as súas infraestruturas e facelos máis atractivos e funcionais para as empresas. Así, explicou que a orde de axudas deste ano, cuxos beneficiarios se publicarán no Diario Oficial de Galicia este venres, 27 de outubro, chegará a 75 proxectos en 61 polígonos cun investimento de 4,1 millóns de euros. O conselleiro confirmou que esta liña de apoios, que xa posibilitou a realización de máis de 400 proxectos desde 2009, seguirá sendo unha prioridade para o Goberno galego.

As axudas van dirixidas á mellora de infraestruturas viarias, depuración de augas, xestión de residuos, instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia ou dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético. No caso concreto do polígono de Arbo acometeuse a substitución de 32 luminarias por outras tipo LED para gañar en eficiencia. Este apoio súmase aos recibidos por este parque para a renovación de marcas viais ou a posta en marcha do portal web.

Na súa visita, Conde tamén se referiu á Lei de implantación empresarial na que os parques industriais terán un importante protagonismo. Segundo afirmou, a nova normativa inclúe medidas para ofrecer máis facilidades ás empresas á hora de acceder ao solo industrial. Así, autoriza a urbanización parcial das áreas empresariais, axustándose á demanda real de solo; facilita o pagamento aprazado e sen xuros na compra de parcelas; e crea un censo para ter en tempo real unha radiografía do solo industrial galego.

O conselleiro lembrou que, ademais, a lei aposta por unha maior simplificación administrativa ao incluír un procedemento único e máis incentivos para a chegada de novas empresas, un obxectivo para o que insistiu na necesidade de que os concellos se impliquen e se sumen. En definitiva, asegurou que estas medidas posibilitarán que Galicia poida atraer novos investimentos e así impulsar a competividade do tecido industrial da Comunidade creando riqueza e emprego de calidade.