Conde sinala que o dron mariño de Ferri demostra que o sector naval galego é máis competitivo cando aposta pola innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Vigo á botadura do proxecto Ulises, un vehículo non tripulado pioneiro en España e no que tamén colaborou a Universidade de Vigo, o Cimne e o Goberno central.
Por o 01/12/2016 | Sección: Naval,Vigo,Xunta de Galicia
Conde sinala que o dron mariño de Ferri demostra que o sector naval galego é máis competitivo cando aposta pola innovación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en Vigo que a fabricación do primeiro vehículo mariño non tripulado en España por parte de Industrias Ferri é un exemplo que demostra que o tecido industrial galego conta co “talento e a tecnoloxía” necesaria para diversificar a súa produción e buscar novos mercados, cun sector naval que é máis competitivo na medida en que aposta pola innovación.

Conde indicou que o desenvolvemento de novas tecnoloxías por parte de Ferri, coa colaboración da Universidade de Vigo, do Centro Internacional de Métodos Númericos de Enxeñaría (Cimne) e do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad na creación deste dron, reforza a posición de Vigo como referente no eido tecnolóxico, demostrando o “saber facer” das empresas galegas e dos centros de coñecemento, e contribuíndo a facer “marca Galicia”. Neste sentido, o conselleiro lembrou que, entre outros proxectos, a empresa xa creou o ano pasado o primeiro robot multifunción, un produto 100% galego que axuda a mellorar a seguridade nos procesos industriais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a botadura do dron, bautizado como proxecto Ulises, permite a Galicia “facer historia”, ao ser pioneira no sector dos vehículos non tripulados, ao igual que ocorreu en 2015 cando PSA, coa colaboración do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), fixo a primeira proba en España do coche autónomo, que fixo o traxecto entre Vigo e Madrid.

Afirmou que nesta liña enmárcase o polo tecnolóxico e industrial de Rozas, no que a Xunta conta coa colaboración de Indra e Inaer nun proxecto de 150 millóns de euros e no que Vigo xoga un papel estratéxico a través do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE) de Porto do Molle en Nigrán, onde Inaer ten a súa sede en Galicia: o Centro Tecnolóxico Cirpas.

Conde animou ao sector naval galego a manter aberta a porta da fábrica intelixente, desenvolvendo novos produtos e tecnoloxías que, ademais de facer que Galicia sexa vista como unha terra de oportunidades onde investir, facilitarán a captación de novos talentos e a xeración de emprego estable e de alta cualificación.

Nesta mesma liña de traballo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), as dúas ferramentas coas que define os mecanismos cos que colaborar co tecido empresarial para que gañe en competitividade a través da I+D+i.

Noticias de última hora en Vigo