O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo, na visita que desenvolveu á empresa de inserción laboral Grupo Dill, que a formación e o emprego son o camiño para garantir unha integración plena na sociedade das persoas que precisan máis apoio. Así, sinalou que a inclusión no mercado de traballo dos colectivos máis vulnerables é o principal reto das políticas de emprego da Xunta e, polo tanto, da nova Axenda de Emprego, que aprobou o Goberno galego o pasado mes de xuño para a recuperación do emprego de calidade e que vai en consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica.
Conde puxo en valor o traballo que desempeña o Grupo DILL, con máis de dez anos de experiencia neste ámbito, ao contribuír activamente na inserción dos mozos e mozas que están a buscar una oportunidade laboral, incidindo na importancia da formación para o emprego para garantir unha inclusión efectiva no mercado de traballo.
O Grupo Dill traballa a favor da inserción sociolaboral de persoas desempregadas que se atopan en risco de exclusión social e de menores usuarios de centros tutelados pola Fundación Dignidade. Pasiño a pasiño, construíndo un Lugo máis inclusivo é o lema desta empresa que conta cunha media de inserción laboral do 60%. Os seus traballadores, ademais de contar cunha oportunidade laboral, aprenden un oficio. Entre os labores que desempeñan destacan o mantemento de edificios públicos, servizos de limpeza, o desenvolvemento de proxectos e obras, xardinería, restauración de mobiliario e atrezo para eventos.
O titular de Economía sinalou que falar de inclusión laboral é falar de formación, fortaleza e futuro e subliñou que a Xunta segue apostando por facilitar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables para acadar unha Galicia máis igualitaria, máis participativa, máis solidaria e máis xusta.
A nova Axenda de Emprego inclúe diversas iniciativas neste ámbito entre as que resaltou o programa de posta a punto para o emprego ao que o Goberno galego destina tres millóns de euros para apoiar proxectos integrais de inserción de persoas perceptoras da RISGA; e os instrumentos financeiros para a economía social, que cun investimento de oito millóns de euros, pretenden cubrir as necesidades das pemes afectadas polo covid-19, dos que se beneficiarían tamén as empresas de inserción laboral.
A Xunta destinou máis de 40 millóns de euros ao ano ao fomento do emprego inclusivo con servizos de orientación, formación, contratación e autoemprego e só en 2019 investiu 42 millóns de euros á contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.