O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou esta mañá en Santiago de Compostela, durante a inauguración da xornada O emprego do futuro, que a formación é o mellor investimento que poden facer as empresas galegas para afrontar os retos da Industria 4.0 e anticiparse, así, ao emprego que vén.
Esta xornada, na que participaron expertos que analizaron as tendencias do futuro mercado laboral ou as principais demandas profesionais das empresas, tiña como obxectivo poñer sobre a mesa as principais oportunidades de traballo que a 4ª revolución industrial, ligada á dixitalización e a automatización, vai ofrecer.
Na súa intervención o conselleiro insistiu na necesidade de que empresas e profesionais se aliñen para afrontar estes novos retos e de que as Administracións e institucións académicas ofrecen as ferramentas que permitan dar resposta ás demandas tanto da sociedade como das empresas e garantir a empregabilidade dos galegos e galegas a través da formación en novos perfís profesionais. Neste sentido, asinarase proximamente un acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago para a análise e seguimento do impacto da automatización na economía galega.
Ademais, o conselleiro insistiu na necesidade de apostar por unha formación continua e dual que permita contar con traballadores cualificados. Por este motivo, o Goberno galego conta con medidas que van neste camiño, cunha formación adaptada e á carta. Así enumerou programas como as Unidades Formativas, os plans específicos para o naval, a automoción ou o forestal ou os obradoiros duais. Iniciativas que se complementan con outras que pretenden potenciar e captar talento para o ecosistema innovador galego.
Conde finalizou instando a Administración, empresas, institucións académicas e traballadores a deseñar unha estratexia común que permita a Galicia adaptarse ao novo paradigma con profesionais capaces de afrontar os novos retos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.