Condenados en Vigo unha nai e un fillo por secuestrar un mes a noiva do mozo

Publicado por o día 06/07/2020 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

Condenados en Vigo unha nai e un fillo por secuestrar un mes a noiva do mozo

Unha nai e o seu fillo foron condenados hoxe en Vigo por reter contra a súa vontade a parella do mozo, menor de idade, durante un mes. No xuízo houbo unha conformidade entre as partes. A muller aceptou dous anos de cárcere e o fillo, ao que lle aplicaron a atenuante de alienación mental, un ano e medio.

O fiscal pedía inicialmente unha pena de 4 anos de cárcere para o mozo e 7 para a nai por detención ilegal. Supostamente, a vítima, menor de idade, coñeceu o home en febreiro de 2017 e foi vivir con el e coa nai deste.

Poucos días despois arrepentiuse e dixo que quería marchar. Foi entón cando, segundo a Fiscalía, ambos retiveron á rapaza contra a súa vontade. A adolescente só puido saír a primeira semana, sempre acompañada polo mozo, e impedíanlle que se comunicase a través do móbil.

A acusación apuntou que a mantiveron pechada na casa durante un mes, ata que xa a finais de marzo a vítima, nun descoido dos acusados, logrou chamar a súa familia. A nai alertou a policía, que liberou a rapaza dos seu cativerio.

No xuízo, celebrado na Sección quinta da Audiencia Provincial en Vigo, houbo un acordo entre as partes, despois de que ambos acusados recoñeceran os feitos. A muller aceptou dous anos de prisión e o fillo, que sofre atraso madurativo, un ano e medio, tras aplicarlle a atenuante de alienación mental.

Suspéndese para os dous o ingreso no cárcere, condicionado a que non cometan actos delituosos en tres anos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.