Condenan ao Chicle a 5 anos de cárcere

Publicado por o día 30/04/2019 na sección de A Coruña,Galicia,Sucesos

Condenan ao Chicle a 5 anos de cárcere

O tribunal considérao culpable dun delito de detención ilegal e doutro de agresión sexual en grao de tentativa e un delito leve de lesións. Condénao a cinco anos de cárcere en Boiro. Os maxistrados lembran que os feitos que se axuizan son só os que ocorreron o día 25 de decembro de 2017 e non outros pendentes de axuizamento.

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a cinco anos e un mes de prisión ao home acusado de abordar a unha moza en Boiro o 25 de decembro de 2017. O tribunal considérao autor dun delito de detención ilegal consumado e dun delito de agresión sexual en grao de tentativa.

A Audiencia concluíu que a proba analizada pon de manifesto que o que o acusado “buscou desde un principio e conseguiu foi o privar á denunciante da súa liberdade ambulatoria”. Tampouco teñen dúbidas os maxistrados de que a súa intención era coller á muller, “metela no coche e trasladala a algún lugar para satisfacer o seu ánimo libidinoso”. “Non se lle ocorre a este tribunal ningunha outra alternativa. A súa intención non era a de apoderarse do seu diñeiro ou o móbil. O que pretendía era coller o teléfono da vítima para que non puidese pedir axuda”, recóllese na sentenza.
Os xuíces lembran na resolución que o acusado rexeitou o diñeiro que lle ofrecía a vítima, polo que conclúen que “se quixese roubarlle non tiña necesidade algunha de introducila no coche”. Afirman que “o ataque sorpresivo a unha muller nova, de noite, nunha zona pouco transitada e o intento reiterado de encerrala no maleteiro do vehículo lévannos a inferir, como única hipótese verosímil, que trataba de trasladala a un lugar máis seguro para poder abusar sexualmente de ela”. Para a sala, “o que non o puido materializar debeuse, sen dúbida, á enteireza da vítima, que se resistiu como puido á agresión sufrida”, e á axuda dos dous mozos que, “ao acudir en auxilio daquela, obrigaron ao acusado para fuxir do lugar do crime sen logar o seu obxectivo último”.
Ademais dun delito de detención ilegal en concurso medial cun delito de agresión sexual en grao de tentativa, os xuíces consideran a J.E.A. G. culpable dun delito leve de lesións polo que lle impuxeron o pago dunha multa de 600 euros. O acusado tamén foi condenado á prohibición de achegarse a menos de medio quilómetro da vítima, así como ao seu domicilio, e de comunicarse con ela por calquera medio durante 10 anos. En canto ás indemnizacións, deberá abonarlle á prexudicada 11.546 euros por incapacidade temporal e secuelas e ao Sergas 1.120 euros máis a cantidade que se determine en fase de execución de sentenza en concepto de gastos de asistencia psicolóxica que se presten á afectada.
Nos fundamentos de dereito da sentenza, lembran os maxistrados que os feitos que se axuizan neste proceso son os ocorridos o día 25 de decembro de 2017 e que se desenvolveron nun lapso temporal que se prolongou entre 10 e 15 minutos. “Xúlgase ao acusado polo que fixo e tiña intención de facer ese día. Non se lle xulga polos feitos ocorridos no ano 2005 no partido xudicial de Noia, nin polos ocorridos en agosto de 2016 no partido xudicial de Ribeira, aos que se referiu o Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación e que se trataron de introducir ao longo do proceso por distintas vías. Tales feitos non só non son obxecto do presente procedemento, senón que se atopan en fase de investigación e nin sequera foron xulgados”, aclaran.
Incide tamén o tribunal que o fin de prevención da pena, ou a “ ejemplaridad” das condenas, “non se cumpre impoñendo penas desmesuradamente altas en relación co delito que se xulga, ou tratando de sancionar penalmente máis condutas que as realmente cometidas”. Afírmase na sentenza que os xuíces e tribunais deben aplicar a norma “sen estridencias, sen exhibicionismo e con rigor” e iso porque “non só así o esixen os dereitos fundamentais do acusado, senón tamén porque así o require unha sociedade democrática que se fundamenta en valores tan básicos como son a liberdade ou a seguridade xurídica”.

En opinión da sala, “ese rigor debería ser esixible non só aos xuíces e tribunais, senón tamén aos restantes operadores xurídicos, porque os efectos perversos que produce esa falta de rigor son o de transmitir á sociedade unha falsa imaxe de impunidade e o de socavar a confianza desta nos tribunais de Xustiza”.