Condenan a Clece por vulnerar a liberdade sindical dunha delegada de CCOO

A empresa, concesionaria do servizo de axuda a domicilio da Coruña, deberá pagarlle unha indemnización por danos morais
Publicado por o día 15/01/2018 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

Condenan a Clece por vulnerar a liberdade sindical dunha delegada de CCOO

O Xulgado do Social da Coruña deulle de novo a razón a Comisións Obreiras e condena por unha falta grave a concesionaria do servizo de axuda a domicilio. A sentenza considera probado que a empresa vulnerou a liberdade sindical dunha delegada de CCOO, polo que deberá aboarlle unha indemnización por danos morais equivalente a unha mensualidade (1200 euros). O xulgado coruñés tamén advirte que esta condena computará para os efectos oportunos como un precedente.

Segundo a Federación de Construción e Servizos de CCOO, o detonante da actitude da empresa foi que Comisións gañou todas as demandas interpostas contra Clece na Coruña en relación coa prestación do servizo de axuda a domicilio, o que motivou unha «campaña de asedio» contra o comité e contra esta delegada.


Ata o momento, CCOO presentou demandas polo incumprimento do convenio, pola realización de horas ilegais, polo non pagamento das contías que correspondían en casos de incapacidade temporal, pola modificación de xornadas e horarios sen aviso previo ou pola denegación de días de libre disposición. Todas as denuncias remataron coa empresa condenada, subliña o sindicato.

Desde CCOO lamentan que Clece pretenda «recortar dereitos e espremer o seu persoal» e acusan a empresa de non se interesar «o máis mínimo» polas condicións laborais do sector de axuda a domicilio.

Regularización do IPC

Por outra banda, unha vez coñecido que o IPC real ascenceu ao 1,1 %, CCOO iniciará unha campaña en toda Galicia para regularizar o salario base no sector, co obxectivo de que se incremente ata os 1022,13 euros mensuais para as xornadas completas.