Confírmase a subrogación do persoal da recollida de lixo do Concello do Porriño

Hoxe xa comezou a traballar coa nova empresa, pero con alta retroactiva dende o luns

Os sete traballadores/as da recollida de lixo do Concello de Porriño serán subrogados/as finalmente nas mesmas condicións pola empresa que vén de asumir o servizo. De feito, xa comezaron hoxe a traballar, aínda que a alta na Seguridade Social será con efectos retroactivos dende o pasado luns.

Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, a confirmación de que Narom asumiría os empregados/as tivo lugar onte pola tarde no transcurso da xuntanza mantida cos responsábeis municipais e da propia compañía para concretar cuestións como a xornada laboral, as categorías profesionais, os salarios, a organización do traballo e o calendario laboral.

Deste xeito, os traballadores/as suspenden de xeito definitivo o calendario de mobilizacións que convocaron para esixir unha subrogación á que teñen dereito -tal e como sinalan dende a CIG- en base ao convenio colectivo e ao propio Estatuto dos Traballadores/as.

De feito, chegaron a desenvolver unha concentración diante do consistorio o mércores pola mañá. Ese mesmo día foron citados/as polo Concello para manter unha reunión, que aproveitaron para deixar moi clara a súa esixencia de que a nova empresa debía contratalos/as, tal e como vén de producirse.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario