PSdeG: “O Sergas, incapaz de explicar o posible conflito de intereses do coordinador do Grupo de Vacinas do IDIS”

Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Política,PSOE

PSdeG: “O Sergas, incapaz de explicar o posible conflito de intereses do coordinador do Grupo de Vacinas do IDIS”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, trasladou hoxe a súa “preocupación” pola falla de explicación do Sergas diante do “posible conflito de intereses” do responsable do grupo de investigación sobre vacinas do Instituto de Investigacións Sanitarias –IDIS-. Torrado presentou unha pregunta en Comisión pola situación deste investigador ao cobrar tamén polas empresas farmacéuticas que elaboran as vacinas.

O responsable socialista acusou á Xunta de “enfangar” a confianza sobre o sistema público, alimentando de paso a inseguridade cidadá sobre as vacinas, co único obxectivo de protexer ao responsable do dito grupo de investigación, que “de apelidarse Pérez non seguiría no cargo”.

Aludiu así a que Federico Martinón, como se chama o responsable, “non se debe confundir con outro Martinón que é o principal asesor de comunicación de Feijóo, nin con algún outro Martinón que participa de órganos asesores da Consellería” e que son familiares directos. Ironizou coa “casualidade” da “confluencia de elementos familiares de influenza en torno ao PP e ao sistema público”.

O portavoz de Sanidade sinalou que para protexer á familia do responsable do grupo de vacinas do Idis, o Sergas negou hoxe que a entidade tivera influenza algunha sobre as decisións do goberno galego. Torrado alertou que, de acordo coa argumentación do goberno galego, “o instituto público, o grupo de investigación, que traballa sobre as vacinas non ten influenza nin lle importa nada á Xunta cando ten que decidir sobre as vacinas”.

Amosou a súa sorpresa sobre o feito de que os máximos responsables públicos a nivel técnico “carezan de ningunha influenza nin capacidade de opinar”, a pesares da “coincidencia curiosa de opinións con algunhas decisións da Xunta” sobre as vacinas.

O parlamentario socialista subliñou que “non se xulga o resultado –das decisións da Xunta en materia de vacinas- senón o proceso”, xa que “o responsable do organismo público que analiza as vacinas está a percibir importantes ingresos procedentes das empresas farmacéuticas que elaboran esas mesmas vacinas”. Acusou ao goberno galego de “poñer en perigo un sistema público independente de influenzas externas”.