O Congreso aproba a maioría dos puntos da iniciativa de En Marea relativa ao proceso de segregación de Ferroatlántica

Entre os puntos aprobados está a recuperación para dominio público das concesións hidroeléctricas.
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de En Marea,Política

O Congreso aproba a maioría dos puntos da iniciativa de En Marea relativa ao proceso de segregación de Ferroatlántica

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, levou este mércores á Comisión de Enerxía a paralización do proceso de segregación das centrais eléctricas das fábricas de ferroaleacións en Ferroatlántica S.A.

Grazas á iniciativa de En Marea, os partidos tiveron que posicionarse e finalmente unha maioría dos grupos votou a favor de 3 dos 4 puntos desta Proposición Non de Lei (PNL).

A parlamentar presentou a iniciativa para instar ao Goberno a que adopte todas as vías legais para impedir a segregación en Ferroatlántica das centrais eléctricas das fábricas de ferroaleacións. Este era o primeiro punto da iniciativa e non saiu adiante por 17 votos a favor, 18 en contra e unha abstención, coa oposición do PP e Ciudadanos.

O segundo punto proposto por En Marea, e que foi aprobado por 17 votos a favor, 15 en contra e 4 abstencións, pide ao Goberno que se asegure, conxuntamente coa Xunta de Galicia, “a recuperación para o dominio público das concesións hidroeléctricas de xeito que a produción das mesmas siga estando, de forma primaria, ao servizo da produción de ferroaleacións na factoría de Cee, se a empresa pretende levar a cabo a mencionada segregación”, sinalou a deputada.

O terceiro punto da iniciativa, con 7 votos a favor, 4 en contra e 15 abstencións, tamén saiu adiante para promover axudas do Estado permitidas pola Unión Europa para modernizar a factoría de Ferroatlántica, mellorando así a sua eficiencia e a dos aproveitamentos hidroeléctricos”.

Ademais, o Congreso comprométese por 22 votos a favor, a manter os postos de traballo de Ferroatlántica a proposta de En Marea.