O Congreso aproba por unanimidade a proposición de En Marea para que a familia Franco devolva as esculturas do Mestre Mateo

O deputado Miguel Anxo Fernán Vello asegura que as tallas foron obxecto “dun latrocinio, dun espolio por parte do ditador e pasaron a mans dos cleptómanos que primeiro as levaron ao Pazo de Meirás e logo á Casa Cornide”.
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política,Santiago

O Congreso aproba por unanimidade a proposición de En Marea para que a familia Franco devolva as esculturas do Mestre Mateo

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, logrou esta mañá a unanimidade da Comisión de Cultura do Congreso que aprobou a súa proposición non de lei para que se realicen as xestións pertinentes, incluida no seu caso a intervención da Fiscalía, e a familia do ditador Franco proceda á devolución das esculturas do Mestre Mateo ao seu lexítimo propietario que é o concello de Santiago.

En Marea logra a unanimidade da Cámara

Todos os portavoces dos grupos intervintes expresaron o respaldo a esta iniciativa parlamentar que foi aprobada por unanimidade.

Fernán Vello apelou a que as esculturas de Isaac/Ezequiel e Abraham/Xeremías, realizadas polo taller do Mestre Mateo, arquitecto e escultor galego autor do Pórtico da Gloria da catedral de Compostela, “deixen de ser produto dun espolio, dun latrocinio, dunha pillaxe do patrimonio artístico e pasen a ser de novo propiedade pública”, en alusión ao concello de Santiago, que tal e como figuran nas escrituras de compra venda que o deputado de En Marea exhibiu na Comisión, “é o verdadeiro propietario das dúas tallas pétreas”.

O deputado resaltou as características das esculturas afirmando que “son dúas magníficas obras de arte escultórico, de incalculable valor, talladas entre 1188 e 1211, para formar parte dese monumento universal que é o Pórtico da Gloria, a porta máis fermosa da Terra, e en palabras do escritor Manuel Rivas: “a primeira grande película da humanidade rodada en pedra”. Por algo, enfatizou, “Rosalía de Castro escribiu referíndose ás figuras esculpidas do Pórtico, aquelo de “védeos!, parece/qu´os labios moven”.

Un latrocinio 

O deputado de En Marea explicou a deriva das esculturas desde que foron retiradas do Pórtico da Gloria, “remataron nun pazo do Ulla, propiedade do Conde de Ximonde, quen as vendeu no ano 1948 ao concello de Santiago coa condición expresa de que non saisen nunca da cidade”. Mais, lamentou, “as esculturas acabaron aparecendo por arte de “birlibirloque” en máns do ditador Franco e familia”.

O parlamentar de En Marea non aforrou cualificativos para descreber o saqueo ou “como os cleptómanos pasaron a situar as dúas pezas primeiro no Pazo de Meirás, e logo na Casa Cornide en A Coruña”. Fixo fincapé no feito de que os Franco “nunca tiveron ningún documento ou  título xurídico que lexitime esa cesión. O concello de Santiago, após de dar un prazo de 15 días á familia do ditador, decidiu emprender acións legais para reclamar a devolución das esculturas”.

Instou ao Ministerio de Cultura a “non permanecer de brazos cruzados perante un espolio manifesto”. Así lembrou que o Ministerio tivo varias oportunidades de dirixirse á familia Franco xa que hai uns meses estas tallas estiveron expostas no Museu do Prado. “Máis nada se fixo. Agora temos a oportunidade de non aceptar como normal unha aberrante anormalidade”.

Tamén criticou outra das anormalidades, a existencia dunha Fundación Franco que se adica “á loa a un ditador”.

Rematou facendo un chamamento a apoiar esta proposición “sumemos a nosa razón e a nosa forza para que as dúas esculturas sexan devoltas e poidan estar ao dispor do pobo”. Concluiu sinalando que “é unha cuestión de xustiza e de decencia”.