Conseguen en Vigo unha sentenza favorable á adaptación da xornada dunha traballadora para conciliar a vida familiar e laboral

A demanda, presentada ao abeiro do Real decreto lei 6/2019, aclara que a petición da denunciante é o exercicio dun «dereito personalísimo» que non require acreditar se o seu home ten máis doado conciliar
Publicado por o día 05/11/2019 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo

Conseguen en Vigo unha sentenza favorable á adaptación da xornada dunha traballadora para conciliar a vida familiar e laboral

Os servizos xurídicos de CCOO acaban de gañar en Vigo unha sentenza favorable á adaptación da xornada dunha traballadora para conciliar a vida familiar e laboral. É a primeira destas características que o sindicato consegue na comarca viguesa desde a aprobación do Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación.

A sentenza, que é firme, obriga unha empresa do sector cárnico a recoñecerlle á traballadora, casada e con dous fillos, o dereito a unha xornada laboral con quendas semanais alternas para poder conciliar a súa vida familiar e laboral. Deste xeito, nas semanas en que o seu home traballa pola tarde, o horario dela sería de mañá de luns a venres.

A resolución xudicial, emitida polo Xulgado do Social n.º 2 de Vigo, ve acreditado que a empresa dispón de persoal suficiente e coa preparación necesaria para poderlle conceder á denunciante a súa «petición razoable».

Por esta razón, rexeita os argumentos da cárnica, que mesmo chegou a pedirlle á traballadora que fose o seu home o que intentase o cambio de horario no seu centro de traballo. Ante isto, o maxistrado aclara que o dereito exercido é «personalísimo da traballadora», coa única excepción de que ambos os dous proxenitores traballasen na mesma empresa, que non é o caso. «Por esta razón, nada ten que acreditar sobre se o seu home ten máis doado conciliar ou non» ou se terceiras persoas poderían coidar dos fillos menores, salienta a sentenza.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.