A Consellaría de Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo mentres recorta no ensino público

A Xunta “segue a aplicar a LOMCE en toda a súa crueza contra o ensino público galego”
Publicado por o día 22/08/2017 na sección de Educación

A Consellaría de Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo mentres recorta no ensino público

A Consellaría de Educación manterá os concertos aos centros que segregan por sexo, fixando a duración dos concertos en seis anos, cando isto só é preceptivo para a o ensino primario, “é dicir, o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, vai máis alá da LOMCE na defensa do ensino concertado”.

Como en anos anteriores, e coa intención de que pase desapercibida para a sociedade galega,  a Xunta acaba de publicar en pleno período vacacional, a orde pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional.

A CIG-Ensino denuncia que nesta orde “se aplica a LOMCE en toda a súa crueza contra o ensino público galego”, pois en contraposición ao crecemento do ensino privado concertado, “temos que a mesma consellaría practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado”.

O mantemento dos concertos aos centros educativos que segregan ao alumnado por razón de xénero (CPR Aloia, CPR Las Acacias, CPR Montecastelo, CPR Montespiño e CPR Peñarredonda) “convértese na demostración de que este goberno do PP está disposto a favorecer a determinado tipo de centros, publicamente vinculados co Opus Dei”. Cómpre lembrar que, no seu momento, estes concertos se mantiveron de forma contraria á lei.

A CIG-Ensino considera totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta privatización do ensino e denuncia a intención permanente desta Consellaría de favorecer as patronais do ensino privado.

Una respuesta para "A Consellaría de Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo mentres recorta no ensino público"