A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe o “papel protagonista” das asociacións forestais e dos montes veciñais en man común na xestión da riqueza que representan os bosques galegos tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental.
A conselleira fixo estas declaracións tras reunirse con responsables da Asociación Forestal de Galicia e visitar varios montes veciñais en man común de Ponteareas. Aproveitou tamén para coñecer zonas afectadas pola vaga de lumes do pasado mes de outubro e para lembrar o esforzo realizado pola Xunta para facerlle fronte, tanto habilitando axudas para os damnificados como mediante actuacións directas para o control da erosión nas zonas afectadas.
Neste sentido, destacou as medidas impulsadas pola Administración, en colaboración co sector, para paliar a erosión mediante o acolchado de palla, así como as cortas de madeira e o arranxo de infraestruturas (fundamentalmente pistas e aliviadoiros). Explicou ademais que a zona castigada polos últimos lumes en Ponteareas é de montes ben xestionados, que dan servizo á poboación, polo que lamentou especialmente os danos sufridos.
Rural vivo
A conselleira sinalou que o obxectivo desta visita era o de manter un contacto directo “con aqueles que fan posible un rural vivo e dinámico, tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental”. E avogou por seguir avanzando nos plans de ordenación dos recursos forestais, tanto co fin de paliar os danos dos incendios como “para pensar en positivo” cara o futuro, impulsando distintas restauracións e ordenacións preventivas.
Ángeles Vázquez destacou o labor dos montes veciñais en man común “ben xestionados e con profesionais detrás, como son os da Asociación Forestal de Galicia”, e engadiu que “son os primeiros en velar polos intereses dos comuneiros” e por esa adecuada xestión dos terreos forestais. Avanzou ademais que está prevista unha nova xuntanza na próxima primavera “para avaliar as actuacións que se levan a cabo e outras que se poidan poñer sobre a mesa”, incluíndo as medidas de loita contra o nematodo do piñeiro.
Noticias de última hora en Vigo