A conselleira de infraestruturas salienta que a implicación da Xunta permitiu mellorar o proxecto de ampliación de Rande en beneficio dos condutores do Morrazo

Lamenta que un grupo da oposición intente xerar alarma poñendo en dúbida unha actuación xa en servizo sobre a que non manifestou dúbidas cando se someteu a información pública nin cando se licitaron as obras
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Cangas,Galicia,Redondela

A conselleira de infraestruturas salienta que a implicación da Xunta permitiu mellorar o proxecto de ampliación de Rande en beneficio dos condutores do Morrazo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a intervención do Goberno galego permitiu mellorar o proxecto de ampliación da ponte de Rande para dar un mellor servizo aos condutores con orixe ou destino no Morrazo.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, conselleira de Infraestruturas lamentou que un grupo da oposición intente agora xerar alarma sobre unha actuación que xa está en servizo, e, sen embargo, non presentase alegacións ao proxecto cando se someteu a información pública, nin se pronunciase cando se licitaron as obras, no ano 2014, nin cando se iniciaron.


Fronte a isto, Ethel Vázquez destacou o traballo do Goberno galego, que solicitou unha mellora cando se iniciaron as obras que se aceptou e permite que todos os condutores teñan a oportunidade de escoller entre circular polos novos carrís ou polo tronco da ponte de Rande.

A conselleira asegurou ademais que o Ministeiro de Fomento verificou o cumprimento dos máis estritos estándares de seguridade nestas obras antes de poñelas en servizo.

Para responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico, non é procedente que se poña en dúbida a profesionalidade dos técnicos e dos enxeñeiros que estiveron traballando na ampliación de Rande, posto que os técnicos da administración, que son funcionarios públicos, xamais asinarían un proxecto dunha infraestrutura na que estivese baixo sospeita a seguridade viaria dos usuarios.

A conselleira subliñou que, antes de optar pola configuración escollida, os técnicos estudaron e analizaron a viabilidade doutras solucións e, unha vez avaliadas polo miúdo, decantáronse pola máis segura e a máis eficiente, compatible coas cimentacións e as condicións dos piares desta infraestrutura, ademais de responder de modo satisfactorio aos estudos de ventos realizados e todo iso sen ter que cortar a ponte ao tráfico nin un só día.

Na súa intervención, a conselleira asegurou que a ampliación das comunicacións por estrada entre Pontevedra e Vigo, especialmente na zona de Rande, era unha actuación necesaria para atender a crecente demanda de tráficos entre Vigo e a súa área metropolitana, para reforzar a seguridade viaria e para incrementar a competitividade de toda esta zona, dun gran polo industrial de Galicia.

Segundo dixo, esta ponte soporta unha intensidade media de tráfico de máis de 56.000 vehículos ao día, que no verán se pode incrementar ata preto de 70.000, polo que para tratar de evitar no futuro un colapso dos carrís orixinais proxectouse e programouse a ampliación da súa capacidade.

Ethel Vázquez destacou que a solución escollida polos responsables do Ministerio de Fomento permitiu elevar a capacidade da ponte nun 42%, pasando de 4.500 a 6.400 vehículos por hora, mellorando o nivel de servizo e incrementando a comodidade e a seguridade en todo o treito.