O conselleiro de Sanidade convida aos veciños e veciñas de Pontevedra a coñecer o novo local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou a tarde do día de onte o novo local de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nas inmediacións da Praza do Hospital Provincial de Pontevedra
Por o 03/03/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra,Vigo,Xunta de Galicia
O conselleiro de Sanidade convida aos veciños e veciñas de Pontevedra a coñecer o novo local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou a tarde do día de onte o novo local de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) nas inmediacións da Praza do Hospital Provincial de Pontevedra, que iniciou a súa actividade o pasado martes 21 de febreiro. O titular do departamento de Sanidade do Executivo galego, convidou a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse ata este novo local e doar sangue. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade salientou a ostensible mellora que este punto de atención permanente ao doador supón, xa que dispón de catro postos de doazón que permiten doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese. Ademais, este novo punto dispón de 75 m² de superficie, incrementando nun 50% o espazo con respecto ao local anterior.

Facilidades de acceso

Vázquez Almuiña, que estivo acompañado nesta visita polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; pola directora de ADOS, Marisa López García; polo xerente de Xestión Integrada de Pontevedra, José Ramón Gómez Fernández, e pola xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, salientou a céntrica ubicación deste novo local situado ao carón do novo aparcamento do Hospital Provincial de Pontevedra, facilitando o acceso dos cidadáns que se acheguen cos seus vehículos, xa que dispón de varias prazas reservadas para os doadores e doadoras.

Este novo local conta cun axeitado sistema de climatización para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores e doadoras, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto.

Elevada participación

O conselleiro de Sanidade puxo en valor a figura dos doadores e doadoras de sangue de Pontevedra, salientando o seu elevado nivel de compromiso e colaboración, como evidencia a consecución de 3.836 doazóns de sangue anuais, cifra que sitúa a este concello como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.

Vázquez Almuiña lembrou que Pontevedra ten acadado unha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera en cinco puntos a media galega e que se sitúa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde, ratificando o carácter solidario e xeneroso desta cidade. Non obstante, realizou un chamamento a todos os cidadáns para que continúen incrementando a súa participación nas campañas de doazón de sangue, xesto indispensable para o sostemento do labor asistencial dos nosos hospitais.