O conselleiro de Sanidade doa sangue e lembra a necesidade de aumentar a concienciación dos cidadáns a prol da doazón

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán preto de medio cento de concellos no transcurso da presente semana co obxectivo de acadar 500 doazóns diarias
Publicado por o día 22/05/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade doa sangue e lembra a necesidade de aumentar a concienciación dos cidadáns a prol da doazón

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, doaron sangue esta mañá nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañados pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

O conselleiro de Sanidade lembrou a necesidade de continuar traballando a prol de aumentar a sensibilización dos cidadáns a prol do solidario xesto da doazón. Neste sentido, lembrou que, todos os días, os hospitais galegos precisan 500 doazóns para desenvolver o seu intenso labor asistencial. Así mesmo, indicou que nestes momentos as reservas de todos os grupos sanguíneos están en niveis normais, polo que o chamamento é xeralizado á participación de todos os doadores e doadoras.

Revitalizar a participación

Jesús Vázquez Almuiña asegurou que resulta necesario revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón, xa que este xesto solidario está a experimentar un estancamento nos últimos anos. Neste sentido, apelou ao carácter xeneroso e solidario amosado polos galegos e galegas e convidounos a participar, de xeito activo, nas numerosas campañas de doazón de sangue que, diariamente, promoven as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

O conselleiro de Sanidade salientou que, ademais das unidades móbiles, ADOS dispón de sete puntos fixos de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, polo que resulta doado achegarse ao solidario xesto da doazón.

Campañas informativas

A Consellería de Sanidade lembra que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos desenvolve campañas de sensibilización e información destinadas a promover os distintos xeitos de doazón, polo que convida aos cidadáns e ás empresas, institucións e colectivos procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega a desenvolver iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue.

Para iso pon á disposición da cidadanía a súa web, ados.sergas.es; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.es; o teléfono de información gratuíto; 900 100 828; e as súas páxinas nas redes sociais como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.