O conselleiro de Sanidade invita á Fegamp a que achegue as súas propostas sobre a Lei de saúde

Almuiña continúa as reunións informativas sobre o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde con diferentes colectivos
Publicado por o día 15/09/2017 na sección de Sanidad,Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade invita á Fegamp a que achegue as súas propostas sobre a Lei de saúde

Dentro da rolda de de xuntanzas informativas que está a manter con distintos colectivos, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reuniuse hoxe cos representantes da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp), para aclararlles as súas dúbidas respecto do anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. No transcurso desta xuntanza, a Fegamp comprometeuse a enviar á Consellería de Sanidade as propostas ao anteproxecto que considere oportunas.

Durante a xuntanza, Almuiña insistiu que o obxectivo da reforma é axustar a lexislación á realidade, cunha ordenación territorial sanitaria que se corresponda coa administrativa, achegando os servizos sanitarios aos cidadáns, mellorando a calidade e potenciando a asistencia tanto en primaria e coma nos hospitais.

Esta reunión, que transcorreu nun ambiente de mutua colaboración, enmárcase dentro das reunións que se veñen mantendo dende a Consellería con distintos alcaldes e voceiros, representantes dos colexios profesionais de Médicos, Farmacéuticos, Enfermería, Veterinarios, Odontólogos e Fisioterapeutas.

Ademais de tratar o anteproxecto da reforma da Lei de Saúde, na reunión abordáronse outros dous temas. Un deles foi a creación dun grupo de traballo sobre as Unidades de atención a drogodependencia (UAD). Tamén tratouse o Plan de Prevención de Suicidio en Galicia, presentado recentemente, e o seu dobre obxectivo de reducir a taxa de suicidio e de establecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos traballen en conxunto na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que levan a cabo un intento de suicidio e dos seus familiares.

Á reunión desta mañá asistiron Alfredo García Rodríguez, presidente e alcalde do Barco de Valdeorras; Alfonso Villares Bermúdez, vicepresidente primeiro e alcalde de Cervo: Evencio Ferrero Rodríguez, vicepresidente segundo e alcalde de Carballo e Manuel Mirás Franqueira, vicepresidente executivo e alcalde de Oroso. Xunto a eles estaban Óscar Benito Portela Fernández, voceiro da Fegamp; Eduardo Ramonde Rodríguez, secretario xeral da Fegamp; José Manuel Chapela Seijo, director xeral da Fegamp e Raúl Fernández Iglesias, coordinador da Fegamp.

Por parte da Consellería de Sanidade estiveron xunto a Almuiña o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes; o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro.