O conselleiro de Sanidade resaltou a importancia de reflexionar e compartir coñecementos para mellorar a atención que se presta ás persoas con síndrome de down

A importancia de reflexionar e compartir coñecementos cun obxectivo común como é mellorar a atención que prestamos aos cidadáns con necesidades especiais como son as persoas con síndrome de Down
Por o 27/03/2017 | Sección: Galicia,Sanidad,Xunta de Galicia
O conselleiro de Sanidade resaltou a importancia de reflexionar e compartir coñecementos para mellorar a atención que se presta ás persoas con síndrome de down
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, resaltou onte, no Simposium sobre asistencia sanitaria integral para persoas con síndrome de down, a importancia de reflexionar e compartir coñecementos cun obxectivo común como é mellorar a atención que prestamos aos cidadáns con necesidades especiais como son as persoas con síndrome de Down.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego dou as grazas a Down Galicia, que, dende hai case que 20 anos, traballa para mellorar a calidade de vida destas persoas e as súas familias.
No Sergas, neste ano 2017, -dixo Almuiña-, pretendemos asumir dous retos fundamentais na asistencia sanitaria das persoas con síndrome de Down. Por unha banda, a trisomía do cromosoma 21 está relacionada coa aparición en grao variable de alteracións en distintos órganos ao longo da vida, ademais do cerebro. O coñecemento de cales son as alteracións que con maior frecuencia se presentan en cada etapa permite que, en moitos casos, se poida actuar de forma preventiva e que, noutros, sexa posible realizar unha detección temperá e un tratamento correcto en fases iniciais.
É, por tanto, do máximo interese, -proseguiu o conselleiro-, difundir o coñecemento da evidencia científica dispoñible neste ámbito entre todos os profesionais implicados na asistencia ás persoas con síndrome de Down.
Doutra banda, outro aspecto que o Sergas pretende mellorar é a comunicación dos profesionais sanitarios con estes cidadáns, na liña de adaptar o sistema de servizos ás auténticas necesidades dos individuos. Temos previstas, -dixo o conselleiro-, unha serie de accións de información e formación sobre comunicación en consulta coas persoas con discapacidade intelectual.
Baixo o lema de “Enténdeme, aténdeme”, pretendemos, -proseguíu o conselleiro-, levar a cabo un programa no que os propios cidadáns con discapacidade intelectual e os seus familiares, así como os profesionais das entidades que traballan con eles, achegarán esta formación aos traballadores dos centros de atención primaria do Sergas.
Almuiña tamén destacou que o seu departamento incorporou na última oferta de emprego público 17 prazas na categoría profesional de celador reservadas unicamente para persoas con discapacidade intelectual. O proceso selectivo para cubrir estas prazas realizarase en convocatoria independente e é un exemplo máis da intención da Xunta e en concreto de Sanidade, de traballar xunto a todos os axentes implicados no camiño da integración social.