A Consellería do Mar avalía posibles afeccións nos bancos marisqueiros como consecuencia do arrastre de cinsas

O Servizo de Gardacostas mantense alerta para evitar corrementos e está a revisar as zonas de Arcade e Baiona e nas desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo
Por o 11/12/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Xunta de Galicia
A Consellería do Mar avalía posibles afeccións nos bancos marisqueiros como consecuencia do arrastre de cinsas
Compartir en:

Persoal da Consellería do Mar está a avaliar posibles afeccións nos bancos marisqueiros como consecuencia do arrastre de cinsas e de corrementos de terras que fosen parar ao mar.

Así, persoal da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro está visitando Baiona e A Guarda e avaliarán a situación coas asistencias técnicas das confrarías. Ademais, desde o Servizo de Gardacostas estase revisando as zonas de Arcade e Baiona, onde se aprecia auga turbia e restos de ramallos. Tamén se está centrando as inspeccións nas desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo

O persoal da Consellería do Mar mantense alerta e seguirá facendo seguimento nas zonas susceptibles de afectación dos seus bancos marisqueiros, próximos a montes queimados, co obxecto de evitar desprendementos, corrementos de terra ou alteración dos cursos fluviais.

Achegas para danos en bancos marisqueiros

No suposto caso de que se producisen danos nos bancos marisqueiros derivados dos corrementos de terra e cinsas, cómpre recordar que a Consellería do Mar ten a disposición do sector un millón de euros para facerlle fronte a eses danos. Estas achegas xa foran postas en marcha en outubro, tras a vaga de lumes forestais que afectou a Galicia.

Neste sentido, no momento no que se teña constancia de afección e tras acreditar que se produciu como consecuencia do arrastre de materiais procedentes de montes queimados, a Consellería ditará unha resolución na que declare os bancos marisqueiros afectados. Esa resolución publicarase no DOG e a partir de aí establécese un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.

Así, poderán optar ás subvencións as confrarías, organizacións de produtores, asociacións de profesionais do sector, cooperativas ou organizacións constituídas por produtores de base que xestionen ou teñan aprobados plans de explotacións marisqueiras. Serán subvencionables aqueles gastos derivados de accións de limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros, adquisición ou aluguer de maquinaria, utensilios e elementos auxiliares para a realización das tarefas. Tamén a compra de semente e area destinada aos bancos marisqueiros e o pagamento aos membros das entidades beneficiarias polas tarefas de limpeza, rexeneración, recuperación e acondicionamento dos bancos marisqueiros.