A Consellería do Mar consensuará co sector profesional de Moaña a proposta de mellora de abrigo na Mosqueira Escoitar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou os peiraos da Mosqueira e Domaio
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Consellería do Mar consensuará co sector profesional de Moaña a proposta de mellora de abrigo na Mosqueira Escoitar

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, consensuará co sector profesional de Moaña a proposta de mellora de abrigo no peirao da Mosqueira, situado neste municipio pontevedrés. Así o trasladou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, na súa visita ao peirao, onde explicou que Portos de Galicia disporá nos vindeiros días do proxecto básico redactado para a mellora de abrigo deste peirao.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a conselleira sinalou que unha vez recibido o proxecto básico por parte da empresa redactora, os técnicos de Portos de Galicia revisarano e estudarán outras alternativas, como a de instalar algúns pantaláns na zona interior ou ampliar o dique, a petición do sector local.

A actuación proposta para a mellora do abrigo consiste na construción dun novo dique e dun novo peirao mexilloeiro exterior no peirao da Mosqueira. Esta obra, especificou Rosa Quintana, viría dar resposta a unha demanda histórica do sector na zona e de feito retoma un proxecto iniciado que tivo que paralizarse por motivos técnicos hai 3 anos. Segundo explicou a conselleira do Mar, o novo proxecto que se presenta recolle a proposta técnica revisada para poder executar estas infraestruturas exteriores, fóra da actual dársena abrigada.

Así, a proposta de execución divídese en dúas fases. A primeira incluiría a dragaxe da zona afectada e a construción do novo dique de escolleira, que tería que asentar antes de iniciarse a segunda fase. A segunda fase é a da construción dun peirao para embarcacións mexilloeiras na cara interior do dique con 60 metros de liña de atraque e catro metros de calado. Neste sentido, Rosa Quintana destacou que, unha vez rematada a primeira fase, a infraestrutura xa estaría operativa, dado que daría abrigo xa á zona exterior da Mosqueira.

A Consellería do Mar prevé rematar a primeira fase da obra no prazo dun ano e a segunda en nove meses. En relación á estimación dos tempos, a conselleira clarexou que esta actuación require dunha tramitación previa moi complexa e longa que, con toda probabilidade, poderá prolongarse máis que a propia execución, dado que inclúe tramitación ambiental pola actuación de dragaxe. Trala visita ao peirao da Mosqueira, a conselleira do Mar tamén visitou o porto de Domaio, no mesmo concello pontevedrés.