A Consellería do Mar construirá dúas embarcacións patrulleiras para o Servizo de Gardacostas

Isabel Concheiro salientou que no ano 2017 se fixeron máis de 12.200 inspeccións que se saldaron coa incautación de máis de 24.000 aparellos de pesca e de máis de 175.000 quilos de peixe e marisco
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Mar

A Consellería do Mar construirá dúas embarcacións patrulleiras para o Servizo de Gardacostas

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a resolución pola que se anuncia a contratación da fabricación de dúas embarcacións patrulleiras para o Servizo de Gardacostas de Galicia. Así o adiantou esta mañá no Parlamento a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, nunha comparecencia sobre o a loita contra o furtivismo na nosa Comunidade.

Alí, a secretaria xeral técnica tamén recordou que, a maiores das novas patrulleiras, o Servizo de Gardacostas vén de renovar o seu parque móbil, coa adquisición de 10 vehículos para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo. Estes turismos serán empregados tamén para aqueles traballos que se realicen por terra en materia de busca e salvamento marítimo e tamén na loita contra a contaminación. Ademais, Isabel Concheiro recordou que foi convocada a cobertura de 20 novas prazas mediante proceso de concurso-oposición e que se prevé que formen parte do servizo este ano.

En relación aos datos de furtivismo, salientou que no ano 2017 se fixeron máis de 12.200 inspeccións que se saldaron coa incautación de máis de 24.000 aparellos de pesca e de máis de 175.000 quilos de peixe e marisco. Neste último caso, a secretaria xeral técnica explicou que as aprehensións de especies medraron o ano pasado case nun 140% en relación ao exercicio 2016.

Así, sinalou Isabel Concheiro, os datos amosan “unha mellora da efectividade dos traballos de control contra o furtivismo e un progresivo descenso desta actividade ilícita”, baseándose na coordinación e colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e na reorientación das actuacións.

Nesta liña, a secretaria xeral técnica incidiu en que se proseguirá coas liñas comezadas, introducindo actuacións futuras, reorientando as actividades fronte ao furtivismo baixo a premisa da modernización e a coordinación dos medios dispoñibles. Farémolo, dixo, “cruzando datos da cadea de trazabilidade, incidindo na cadea comercial e tamén empregando as capacidades que nos ofrecen os drons para mellorar a efectividade e eficacia das nosas actuacións”, especificou.

Sardiña

Por outra banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, subliñou hoxe no Parlamento que a Xunta leva traballando desde o primeiro momento co Goberno Central aportando os coñecementos técnicos e de experiencia para a realización e posta en práctica do Plan de xestión para a sardiña ibérica entre España e Portugal. O obxectivo deste plan, explicou, é recuperar o estado desta especie e manter a actividade da frota de cerco e do xeito, que a teñen como obxectivo. A directora xeral aclarou que o stock da sardiña ibérica ten unha ampla distribución e “vai máis alá do propio ámbito de Galicia”. Por iso, sinalou, “é preciso establecer medidas que poidan acadar a todos os implicados”.

Neste sentido, a directora explicou que España e Portugal presentaron o pasado día 4 de decembro ante a Comisión Europea un novo Plan de xestión da sardiña ibérica que contempla unha redución da cantidade a pescar e unha redución do tempo de traballo. Arestora, explicou Mercedes Rodríguez, estase a traballar ante a Comisión para clarexar dúbidas e completar información. Tamén recordou que a pasada semana, os gobernos de Portugal e España reuníronse coa Comisión para abordar o asunto e estes días estanse a reunir representantes de ambos ministerios pesqueiros en Lisboa.

Ademais, a directora xeral de Pesca explicou que “a Consellería do Mar non pode defender unha solución que suporía a perda de posibilidades de pesca para moitos barcos galegos, sen ter en conta as circunstancias socioeconómicas que rodean a actividade e sen que haxa a seguridade de que o stock se recupere”. O obxectivo que se perseguiu desde desde a Xunta, sinalou Mercedes Rodríguez, foi “ter aberta a pesquería e xestionar da mellor maneira posible a sardiña dispoñible”.