A Consellería do Mar incrementa máis dun 2% os fondos destinados a ensinanzas marítimo-pesqueiras para este ano

Isabel Concheiro Rodríguez reiterou a gran aposta da Consellería do Mar polo eido formativo para asegurar un mellor porvir para o sector, por iso nos dous últimos orzamentos a formación acumulou unha suba do 7%
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Mar

A Consellería do Mar incrementa máis dun 2% os fondos destinados a ensinanzas marítimo-pesqueiras para este ano

A Consellería do Mar incrementará este ano un 2% os fondos destinados a ensinanzas marítimo pesqueiras. Así o explicou a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro Rodríguez, na presentación do Curso superior en Innovación, Competitividade e Emprendemento arredor do mar (ICEMAR) da Universidade de Vigo.

Alí, a secretaria xeral técnica reiterou que a formación no mundo do mar, sinalou, debe ser un piar fundamental para asegurar un mellor porvir para o seu sector. Por iso, a Consellería do Mar fai unha gran aposta polo eido formativo, que nos dous últimos orzamentos acumulou unha suba do 7%.

A secretaria xeral técnica animou aos estudantes a continuar os seus estudos pola rama do mundo do mar, porque, indicou “o mar ten futuro e somos moitos os que día a día traballamos para que así sexa”. A importancia deste sector, explicou, vese reflectida nos datos de facturación das lonxas, que no 2016 acadaron os preto de 500 millóns de euros, unha cifra que marcou un récord histórico, sendo a máis alta dos últimos 20 anos.

Así mesmo, fixo referencia aos datos da conserva e trasladou que Galicia é a primeira rexión europea e a segunda a nivel mundial na produción de conservas e conxelado de peixe e marisco, un sector, dixo, que segue a medrar, no que traballan máis de 20.000 galegos e que acadou os 6.100 euros de facturación.