A Consellería do Mar inviste máis de 50.000 euros en melloras para os peiraos da ría de Vigo

Portos de Galicia instalará nova flotación de formigón nos pantaláns de Vilaboa e reparará o pavimento e a balaustrada de Cesantes e o control de accesos de Arcade
Publicado por o día 07/08/2017 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Consellería do Mar inviste máis de 50.000 euros en melloras para os peiraos da ría de Vigo

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, investirá máis de 52.000 euros en diversas melloras para os peiraos autonómicos da ría de Vigo. Así o explicou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita que realizou nos últimos días ao peirao de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, onde se realizará a actuación máis destacada.

Alí, Portos de Galicia acometerá a instalación de nova flotación de formigón nos pantaláns. Con esta actuación, orzamentada en 40.000 euros, reforzará a seguridade dunha trintena de embarcacións da terceira lista, mellorando as condicións de traballo do sector profesional. De feito, as obras dan resposta a unha necesidade trasladada dende a confraría de pescadores da localidade ao ente público.

Xunto con esta actuación, acometeranse tamén melloras en Cesantes (Redondela) e Arcade (Soutomaior). No primeiro caso, realizarase unha reparación do pavimento do porto así como o adecentamento da balaustrada e a reforma dunha illeta. En canto a Arcade, Portos reparará proximamente a barreira de saída do control de accesos. Ambas actuacións contan cun orzamento global de máis de 12.000 euros.